Con asembleas e concentracións de delegados/as en todas as comarcas manifestou a CIG a súa negativa a que se aproben as modificacións introducidas na Directiva de Tempo de Traballo. Modificacións que terán que ser ratificadas polo Parlamento Europeo en decembro, e que foron explicadas polos respectivos secretarios comarcais.
Os cambios que se prevén resúmense basicamente na posibilidade de traballar, como máximo, unha xornada semanal de ata 65 horas, con carácter flexible, que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses; sen fixar o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo no ano; no estabelecemento, para determinados sectores de servizos, como pode ser a Sanidade, Vixilancia e Seguridade, Condutores de Transporte Público ou Privado... de que o período inactivo de traballo no que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo ou na relaxación da obriga empresarial de compensar con descansos equivalentes o traballo realizado a maiores da xornada máxima.
En todos os casos salientouse que estas modificacións supoñen unha grave agresión ás condicións de traballo e a perda de dereitos conquistados pola clase traballadora logo de intensas loitas e mobilizacións.
Mobilizacións que seguen a ser, hoxe en día, a única ferramenta para que as traballadoras e traballadores defendan ou reclamen os seus dereitos.
Mobilización contra a crise económica
Así o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou na súa intervención na asemblea de Compostela que, para evitar que sexan as traballadoras e os traballadores quen paguen a crise económica, a CIG vén de pór en marcha unha campaña que culminará en mobilizacións en toda Galiza o próximo 13 de novembro.
Unha campaña que é continuidade da iniciada no 1º de Maio, na que a CIG se mobilizou baixo o lema “Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel” e na que xa se advertía da gravidade da crise e das consecuencias que tería. Crise que, por aquel entón, aínda se negaba desde o propio goberno.
A este respecto, Seixo salientou que os propios analistas aínda non saben até onde vai chegar nin en tempo (hai quen fala dun par de anos e hai quen non agarda unha mellora até o 2011), nin en profundidade e denunciou que ninguén está a falar de quen son os seus responsábeis. “É un modelo que se permitiu e fomentou polos mesmos que agora gobernan, o PSOE, e polos que gobernaron, o PP, e agora pretenden trasladarnos o problema”.
Fronte a isto, a CIG considera que é posíbel aplicar toda unha serie de medidas (desde recuperar a progresividade do sistema fiscal pola vía dos impostos directos e non os indirectos como se vén facendo; incrementar os investimentos públicos nos sectores produtivos, nas infraestruturas... ou apoiando á pequena e mediana empresa, que vai ser a máis afectada) que permitirán enfrontar a crise e que non teña que pagala a clase traballadora, como se pretende.
Porén, advertiu que para conseguilo é necesario que os propios afectados, as traballadoras e traballadores se mobilicen. Unha mobilización que augurou longa e dura para “impedir que nos quiten os nosos dereitos e que a crise a pague quen a provocou”.
Pola exclusividade dos médicos na sanidade pública
Outro dos temas abordados nas distintas asembleas foi o da exclusividade dos médicos no sistema sanitario público, en proceso de negociación coa administración. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, explicou que até o de agora, todas as leis promulgadas permitían a compatibilización do traballo na pública e na privada, algo contra o que a CIG se ten manifestado historicamente.
Para compensar economicamente a aqueles que exercen a súa actividade exclusivamente no sistema público existía un complemento salarial, chamado complemento específico, que agora pretenden cobrar tamén os facultativos que compatibilizan pública e privada.
Estes facultativos, que só representan un 20% no sistema, teñen convocada unha folga para presionar á administración, colapsando a sanidade pública. Abuín advirte ademais da súa grande capacidade de presión porque poden programar citas nas súas consultas privadas para seguir cobrando e aguantar en folga todo o tempo que sexa necesario.
Por iso, Abuín fixo un chamamento a toda a sociedade para que defenda o sistema sanitario público pronunciándose contra esta pretensión de eliminar os incentivos para traballar só na sanidade pública pola vía da súa xeneralización (ou sexa, que o cobren tamén os que traballan na privada).