marco
A Coruña, 7/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Por volta de 2.500 operarios traballan nesta actividade na Galiza

A CIG convocará folga no sector de produtos elaborados do mar de non mellorar as retribucións ao persoal

Os traballadores/as do sector de produtos elaborados do mar, que en Galiza emprega aproximadamente 2.500 persoas, perciben 700 euros netos ao mes polo desempeño dunha actividade dura que require de grande esforzo físico. A CIG sopesa convocar unha folga no sector de non mellorar as condicións retributivas e laborais na negociación do convenio.

As reivindicacións principais da CIG pasan por aumentar os salarios até os 1.000 euros netos, promover a estabilidade laboral coa conseguinte redución drástica da eventualidade, rebaixar a xornada e conseguir que as baixas por enfermidade sexan remuneradas ao 100%, tendo en conta a dureza do traballo desempeñado por estes obreiros e obreiras. A CIG tamén demanda que se elabore un estudo sobre as enfermidades profesionais derivas do traballo no sector.

O convenio actual, de ámbito estatal e que só foi asinado por UGT, é de eficacia limitada e, para a CIG, non garante unhas condicións salariais e laborais minimamente aceptábeis.

Xa se produciron cinco reunións para negociar o novo convenio, sen que até agora a patronal presentase unha proposta seria. Ademais, nas xuntas celebradas non asistiron os propios empresarios e estes delegaron en asesores, aspecto que denota “o escaso interese da patronal”, segundo Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT-CIG. A parte empresarial, na reunión do pasado 29 de xullo, presentou unha “oferta” salarial que unicamente pretende revisar os soldos aumentándoos só por debaixo do IPC real, proposta que nin sequera mantén o poder adquisitivo.

A vindeira xuntanza para a negociación do convenio desenvolverase o 8 de setembro nos locais da CIG de Vigo. A central nacionalista realizará unha asemblea de delegados e outra xeral dirixida a todos os traballadores do sector para preparar mobilizacións e mesmo unha convocatoria de folga se non se producen avances na negociación. A CIG convida UGT e CCOO a que se sumen á campaña de mobilizacións.