Se nos últimos anos viñamos detectando un avance na introdución de medidas relacionadas co xénero e a igualdade de oportunidades, a partir da aprobación da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do Traballo en Igualdade das Mulleres da Galiza, e sobre todo, coa aprobación da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, a intervención da representación das e dos traballadores é fundamental, posto que este marco legal sitúa na negociación colectiva a adopción de medidas concretas en favor da igualdade nas empresas, para que sexan as partes as que acorden o seu contido.
Á marxe dos plans de igualdade, as empresas están obrigadas a adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes, así como o deber de negociar medidas encamiñadas a promover a igualdade de trato e oportunidades, polo que temos ante nós un amplo abano de posibilidades de negociación, calquera que sexa o ámbito do convenio colectivo, e independentemente de que as medidas negociadas sexan incluídas, ou non, nun plan de igualdade.
A lexislación en materia de igualdade menciona o acceso ao emprego e ás condicións de traballo, na clasificación profesional, promoción e formación, entre as materias nas que se poderían estabelecer medidas concretas de acción positiva, propostas que desde a nosa central viñamos tempo presentando nas mesas de negociación, e que agora teñen carácter normativo. Estas materias, non obstante, non son as únicas medidas que deberemos negociar, xa que antes deberemos detectar e eliminar posíbeis situacións discriminatorias.
Con esta intención, analizamos a definición de plan de igualdade, as fases a seguir para a súa elaboración, negociación, aplicación, seguimento e avaliación, as materias que deben incluír, así como as consecuencias administrativas e xudiciais derivadas do incumprimento.
Esta guía foi posíbel grazas á colaboración da Deputación Provincial da Coruña e ao traballo realizado pola técnica de igualdade adscrita á Secretaría Confederal da Muller, Margarida Corral Sánchez.
Agardamos que esta Guía sirva para sensibilizármonos e comprometérmonos no camiño da implantación real da igualdade no ámbito laboral, no ámbito que nos é máis próximo: a negociación colectiva, estando a disposición de todos e todas en formato impreso en todas as comarcas da nosa central sindical.
Mª DO CARME LÓPEZ SANTAMARIÑA
Secretaria Confederal da Muller da CIG