Existen poderosas razóns de índole ética e de respecto aos animais, pola tortura e pavor que senten, cando son utilizados como obxectos de divertimento sádico pero que, para os que as fomentan e participan con estas barbaridades, parecen non ser dabondo.
En Galiza somos un pobo que sempre conviviu e compartiu o traballo con estes animais. Os galegos temos moitas razóns para loitar polo seu benestar, e sobre todo, para que non sexan masacrados en espectáculos bárbaros, porque é moito o que lles debemos.
Vacas e bois foron os que mataron a nosa fame e nos axudaron no duro traballo que, hoxe, case temos esquecido pola mellora da vida. Mellora tamén acadada grazas a eles. Xa hai comunidades que non permiten que se maltrate estes animais, aínda que lles deban moito menos do que lles debemos nós.
Galiza non poder ser partícipe de espectáculos, acotío nos medios, onde se queiman os cornos de touros, onde se tiran ao mar, onde se ensina aos nenos a torturar a becerros de poucos meses, onde animais morren asfixiados en festas coas que eles nada teñen que ver, festas onde bárbaros, animados polos excesos etílicos, pretenden amosar a súa masculinidade torturando a una animal indefenso, espetándoo con lanzas, agochados na multitude sedenta de sangue contra un animal indefenso, ou cravándolle dardos desde a seguridade dun balcón.
En Galiza temos moitas boas maneiras de nos divertir e despois durmir coa conciencia tranquila de non ter feito mal algún, a inocentes, sen necesidade.
ADEGA e Matar por Matar Non convidan todos os galegos e galegas a que expresen o seu malestar pola realización destes espectáculos sanguentos e torturadores e convídanos a participar nos actos de rexeitamento das touradas destes días tanto en Pontevedra como na Coruña.
En Galiza MELLOR SEN TOURADAS!!!.