O operario, que é afiliado da CIG, permaneceu detido dúas horas e media na comisaría de Lonzas até que foi liberado con cargos. Nas dependencias policiais foi asistido por un avogado da central mentres no exterior se concentraron varias decenas de compañeiros para amosarlle a súa solidariedade e esixir a súa posta en liberdade.
O traballador acudiu a última hora do día ao Juan Canalejo para cursar un parte de lesións e posteriormente denunciou a agresión policial. O comité de empresa, presidido pola CIG, censura a actuación dos axentes, solidarízase co compañeiro e anuncia que estará presente no xuízo contra o traballador, que se celebrará o 10 de abril ás 11:20 horas, para manifestarlle o seu apoio incondicional.
A detención do operario produciuse pouco antes do remate da marcha, concretamente entre a Praza de Millán Astray e a Costa de Santo Agostiño. Varios axentes bateron no compañeiro, tirárono ao chan e mesmo golpearon a súa cabeza contra a carrozaría dun vehículo policial, segundo manifestaron testemuñas presenciais dos feitos.
O xuízo deste xoves contra o traballador obriga a suspender a concentración que o comité convocara para ese día en Santiago de Compostela, diante do Edificio Administrativo da Xunta, en San Caetano.
Conflito estancado
Pese a que o Consello Galego de Relacións Laborais ofreceu unha mediación, o conflito de Albada permanece estancado e segue en pé a convocatoria de folga indefinida a partir do 12 de abril. A empresa é remisa a negociar o novo convenio e o Concello de A Coruña fai caso omiso das esixencias dos traballadores para que interveña no conflito. O cadro de persoal ten os salarios conxelados e percibe pouco máis de 700 euros mensuais.
Os traballadores levan un mes protagonizando diversos actos de protesta. O pasado 8 de abril secundaron unha manifestación desde o Ventorrillo até a Praza de María Pita. O cadro de persoal volveu pedir a mediación do alcalde e denunciou novamente que, desde que comezou o conflito, o lixo segue a amorearse en Nostián. “Os veciños reciclan, Albada non!” e “A merda para Madrid e os cartos para aquí!” foron as consignas máis berradas polos empregados.