Ás súas palabras sumáronse outras achegas cheas de sentimentos e lembranzas como as do compañeiro Juanjo (Uruguai), da compañeira Katy (Chile), ou de Isabel Gómez, quen fixo un emotivo relatorio lembrando o seu compromiso cun outro mundo que si é posíbel.
As palabras foron un continuo repaso da singradura desta muller, como feminista, nacionalista, e loitadora polos dereitos das persoas inmigrantes e emigrantes, cuestión que foi valorada polo coordinador e Voceiro do Foro de Inmigración e da Asemblea Galega de Inmigración, Miguel Blanco. Tamén cabe salientar a achega do poeta galeguaio Devesa Monterroso, quen deu lectura a uns textos de Viglietti, Galeano e outros. Pola parte da CIG a asistencia de cadros sindicais tamén foi significativa, e tras a lectura duns escritos de Laura Bugallo, sindicalista e amiga persoal da homenaxeada, foi o Secretario Comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, quen puxo de manifesto o arduo traballo de Marga Bellas como sindicalista no Concello de Ferrol.Pintos salientou, ademais, o traballo por ela desenvolvido e cuxo froito son os resultados electoriais na Corporación local ferrolá e reiterou o compromiso da CIG para os dereitos das persoas traballadoras, sen distingos de orixe. Todo o acto contou co son do compañeiro, concelleiro do BNG en Ares e gaiteiro Manuel Doval, comezando cunha peza tradicional e rematando a Homenaxe co Himno da Patria Galega.