Nesta reunión entregouse aos presentes un documento denominado "Cedonosa-Diagnostico, plan de viabilidad y plan de pagos", onde ademais de dar unha explicación do mesmo, no que Xoan Xosé Bouzas, da CIG Salnés, explica que "as liñas xerais podiamos resumilas como un descenso da producción en Catoira en favor de Teruel que aumentaría, quedando unicamente esta factoría coa fabricación de pezas especiais e as pezas base que en Teruel non se deran feito, e levaría consigo a unha reducción de plantilla de 37 persoas". Neste plan tamén se presentaron as previsións 2008/2013 de crecemento que se prevén.
Sobre o concurso de acredores, os representantes da empresa sinalaron que ian a o Xulgado do Mercantil a Pontevedra, para aclarar coa Maxistrada e cos Interventores Xudiciais determinados aspectos relacionados coa suspensión de pagos.
Necesidade de subministro eléctrico
Sobre unha das cuestións máis preocupantes para os traballadores, que é o restablecemento do subministro de enerxía eléctrica para poder restablecer a producción, a dirección da empresa informou de que continúan a manter contactos por ENDESA e UNIÓN FENOSA, pero que aínda non existe unha solución a este problema.
Durante esta xuntanza, e desde a parte social fíxose saber a preocupación que existe por parte de todo o persoal de que este subministro non se leve a cabo canto antes e os graves problemas que está a acarrear para a marca e de cara os clientes por non poder servir os pedidos a tempo, e o temor a que esta situación se alongue no tempo e sexa xa irreversible. Tamén comunicáronlles a decisión do comité e das centrais sindicais de que ante o Xulgado, e por parte dos Interventores Xudiciais, se tomen medidas de caracter urxente para solucionar canto antes este problema.
Sobre o concurso de acredores presentado, a CIG entende que é "unha formula para salvar os obstáculos de liquidez que ten a sociedade, e polo tanto nos tamén nos vamos a personar en el como partes implicadas no proceso".
"Falta un plano social"
No referente oa Plano de viabilidade presentado, Xoan Xosé Bouzas subliñou que "é un plan económico, pero falta un plan social, imos estudialo e xa lle daremos unha resposta ao mesmo nunha próxima reunión na que o discutiriamos a fondo. Pero polas explicación que se nos deu do mesmo vemos que só é un plan de recortes e non de inversións e polo tanto nun primeiro momento non podemos estar de acordo con el".
En relación coa reducción de persoal, Bouzas incide en que "a empresa nestes momentos o que ten que facer é buscar financiación e liquidez para un normal funcionamento e non aproveitar esta situación para dun plumazo desfacerse de 37 traballadores/as, e polo tanto pola nosa parte mostramos o total desacordo con esa formula, xa que para nos a solución non pasa por recortar a producción e despedir aos que sobran senón de facer un plan de mellora no mercado, manter un nivel de producción adecuado e a plantilla actual e tratar de mellorar a competitivade nestes momentos, tanto polo producto que se ofrece como polo prestixio da marca que representa".
Tratamento diferenciado
Para a CIG, "a situación do concurso de acreedores coa solución da liquidez da empresa, o plan de viabilidade e a reducción de persoal, non son situacións que se deban misturar na actual tesitura na que se atopa a empresa e polo tanto o tratamento para o comité de empresa e para as centrais sindicais, é un tratamento diferenciado".
Os traballadores comunicaron ademais que van ter encontros coa Administración: o luns 12 de maio pola mañá co Delegado Provincial da Consellería de Traballo e co Xefe da Inspección de Traballo, a continuación coa Delegada Provincial da Consellería de Innovación e Industria, e o próximo día 16 de maio co Director Xeral do IGAPE (Consellería de Economía).
Ademais desde a empresa convocaron ao Comité de Empresa e ás centrais sindicais a unha xuntanza o venres 9 de maio cos Administradores Xudiciais.