Diante desta nova proposta, CIG-Ensino quere lembrar que un bacharelato de calidade precisa dunha modificación substancial do decreto presentado pola administración que inclúa non só a ampliación da carga lectiva da materia de Educación Física, senón incrementar unha hora máis a materia de Filosofía e Cidadanía e a de Historia e reforzar outras materias entre as cales están as de música e tecnoloxía.
É de lamentar que a Consellaría non teña vontade política de asumir que a relixión se imparta fóra do horario lectivo común de todo o alumnado. Coa proposta da CIG todo o alumnado galego tería 32 horas dentro das cales habería unha hora máis para filosofía e cidadanía e historia, ademais da hora incrementada a educación física. Soamente o alumnado que optase por escoller relixión tería 34 horas.
A Consellaría sabe que o profesorado secundou maioritariamente a folga, convocada pola CIG o pasado día 29 e mobilizouse non só para ampliar o horario dunha materia, senón para incrementar as tres materias referidas e outras medidas conducentes a un bacharelato de maior calidade.
A CIG continuará coas mobilizacións, propondo unha serie de accións ao profesorado até conseguir as xustas reivindicacións sobre o decreto de bacharelato.