marco
A Coruña, 8/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A ENTIDADE QUERE SUPRIMIR 400 POSTOS EN GALIZA

Persoal do BBVA e delegados/as da CIG manifestan a súa oposición á reconversión no banco

A CIG-Banca convocou unha concentración o 8 de maio diante da oficina do BBVA no Cantón Pequeno de A Coruña en protesta polo proceso de reconversión emprendido polo banco, que supón a perda de 400 postos en Galiza.

Concentración ante a oficina do BBVA no Cantón Pequeno de A Coruña (08-05-2008).

“Contra a reconversión, convenio galego!” e “Postos de traballo na nosa terra!” foron algúns dos berros que proferiron os traballadores e delegados concentrados no Cantón Pequeno, que superaron o centenar.

A CIG-Banca, na concentración, informou sobre as xuntanzas que mantivo nestes últimos días en Lisboa con representantes dos traballadores do BBVA en Portugal, Reino Unido e Francia. A CIG-Banca e os compañeiros destes países emprenderán medidas conxuntas contra o plan de reconversión do banco, que é de carácter europeo.

A cúpula directiva do banco persegue unha rebaixa de custes co plan de reconversión, que afecta directamente o emprego e as condicións laborais do persoal. En 2007 os beneficios do BBVA superaron os 6.000 millóns de euros. O seu presidente, Francisco González, que cobrou no exercicio pasado un salario de 5.100.000 euros e que ten un plan de pensións de 61.000.000 euros, aprobou na última Xunta de Accionistas a súa permanencia no cargo até os 70 anos.

Non hai que esquecer que, no pasado, parte do banco foi pública (Argentaria). Por tanto, as administracións non poden ficar impasíbeis perante este proceso de redución drástica de persoal do BBVA.

Esta reconversión afecta toda a empresa, coa externalización e subcontratación dalgúns servizos e mesmo coa deslocalización do traballo a outros países.

O traballo de Servizos Centrais estase a externalizar por dúas vías:

- Unha parte do traballo que realizaba anteriormente persoal do banco estase a xestionar desde unha empresa radicada en Málaga. BBVA subcontrata estes servizos substituíndo persoal fixo con convenio de banca por persoal temporal con peores condicións laborais.

- Outra parte está sendo xestionada desde unha empresa radicada en Perú, nun claro proceso de deslocalización.

Agora , o BBVA pretende trasladar este plan tamén á Rede de Oficinas:

- Coa redución de responsabilidades e poderes dun 80% dos directores/as e a desaparición dos postos de subdirector/a (interventor/a).

- Experimentando para substituír ao actual persoal administrativo de atención por caixa por persoal dunha empresa de seguridade con menores salarios e peores condicións laborais.

A empresa pretende alixeirar o cadro de persoal, é dicir, desfacerse dos traballadores e traballadoras “sobrantes” por dúas vías:

- Por unha parte, cun reducido Plan de Prexubilacións a partir dos 50 anos, ofertando o 82% do salario conxelado até a idade da xubilación real.

- Con baixas “voluntarias” na empresa, realizando unha oferta económica para que o persoal abandone o posto de traballo.

Oportunismo das centrais españolas

Por outra banda, a CIG-Banca, sindicato maioritario nos catro comités provinciais galegos do BBVA co 41% da representación, quere aclarar que a convocatoria da concentración do 8 de maio, da que os traballadores estiveron informados desde o día 2, partiu exclusivamente da central nacionalista. Outra cousa diferente é que o resto de sindicatos convocasen posteriormente concentracións o mesmo día, lugar e hora que a da CIG.

A CIG-Banca xa se leva mobilizando contra o plan de reconversión do BBVA desde o pasado mes de abril, cousa que non fixeron o resto de centrais en Galiza. A CIG-Banca apela á unidade de acción sindical mais CCOO pon todo tipo de impedimentos para que esta se materialice. Este sindicato chegou a manifestar que non se mobiliza con “sindicatos locais como a CIG”.