A Mesa anuncia, porén, que seguirá “vixiando” e “facendo fincapé” para que o novo acordo plenario “conduza a un verdeiro ingreso” do Concello “na legalidade lingüística” e signifique “empregar sempre e sen complexos” a denominación oficial da cidade, mudando de vez aqueles espazos en que aínda se segue vendo o topónimo ilegal.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística sinálase que, con este exemplo, se demostra que “hai que dar as batallas necesarias na defensa da nosa cultura, porque mesmo as máis arduas, mesmo as que poden parecer perdidas de antemán, se poden gañar coa forza da razón, o debate e a perseveranza”.
No entanto, desde esta entidade tamén mostran a súa preocupación pola “existencia de importantes poderes fácticos que non queren recoñecer que o galego é lingua propia, cooficial, e que a única denominación legal é A Coruña, tal e como se aprobou por unanimidade en diferentes ocasións, tamén cos votos do PP”. A Mesa chama a atención de forma singular “perante as irregularidades existentes na actuación do xuíz decano da Coruña a respecto deste tema”. “Afirmar, como fixo Fraga Mandián este fin de semana aos medios de comunicación, que a denominación oficial da cidade está sub iudice é unha mentira, pois a lexislación que estabelece cal é a única forma oficial non está en discusión xudicial. Dita manifestación, proveniente dun maxistrado, non é admisíbel tan sequera por ignorancia inescusábel.”
A Mesa pola Normalización Lingüística fora en 1992 a primeira entidade cidadá que, perante o silencio das administracións públicas, denunciou pola vía xurídica o Concello da Coruña por excluír sistematicamente a lingua galega dos seus usos, negándolle na práctica o seu carácter de oficialidade, e mais por empregar en todos os ámbitos un topónimo ilegal para se referir á denominación da cidade e, de aí, á da propia institución.
Para A Mesa, a decisión plenaria constitúe unha “decisión razoábel e moi acertada” e unha “moi boa noticia” para “a lingua”, para “a saúde e a credibilidade democrática dunha institución municipal cuxa imaxe neste ámbito estivo durante moito anos danada e desacreditada” e, en xeral, para “o conxunto das veciñas e veciños da cidade da Coruña e de toda Galiza”, xa que como sostivo a organización cidadá en defensa da lingua desde sempre “o cumprimento das leis e das sentenzas xudiciais, o respecto ás regras de xogo democráticas, é, sinxelamente, de sentido común; algo que comparte a inmensa maioría da sociedade, sexa cal for a lingua que empregue ou o nome co que denomine a súa cidade”.
Coa decisión que o Concello da Coruña toma agora “ponse fin, ademais, a unha verdadeira inxustiza”, en opinión da Mesa: “Que unha institución pública gaste diñeiro das súas arcas por unha fobia particular dun político”. A asociación lembra que xa o ano pasado, antes das eleccións municipais, desenvolvera unha campaña para explicarlle á veciñanza da cidade que o Concello gastou desde 2004 “6.000 euros ao mes no litixio do topónimo, só en gastos de avogados e procuradores, aos que habería que sumar aínda outras contías noutros conceptos”.