No colexio Maristas “La Inmaculada” de Lugo están a producirse unha serie de feitos de represión e despedimentos totalmente inxustificados e sen ningunha motivación laboral ou educativa. Primeiro, dous despedimentos “disfrazados” de non renovación dos seus contratos e, posteriormente, o cesamento de dous traballadores indefinidos por consideralos os “cabecillas” do movemento de solidariedade do persoal cara os primeiros.
Dáse tamén a circunstancia de que a dirección do centro recoñeceu tamén a vinculación sindical destes dous últimos compañeiros despedidos, un deles afiliado da CIG.
Estes despedimentos teñen a única finalidade de amedrentar e reprimir as lexítimas reivindicacións laborais e educativas que están a facer un grupo de traballadores e traballadoras deste centro educativo, así como un movemento de unidade do persoal ante os abusos manifestos da empresa.
Os delegados “de pega” postos pola empresa no proceso de eleccións sindicais do pasado ano, de USO e FSIE, están a facer un traballo de “colaboracionismo” coa empresa, traballando neste asunto para defender os seus intereses en contra dos traballadores e traballadoras. Chegaron incluso a negarse a darlles aos seus compañeiros e compañeiras a copia dun escrito asinado pola maioría do persoal da empresa e que eles se comprometeran a entregar ante a empresa.
O colexio Maristas “La Inmaculada” de Lugo é un colexio concertado coa Consellería de Educación e polo tanto sostido parcialmente con fondos públicos. As nóminas do seu profesorado son pagadas directamente pola Consellería de Educación.
Dado que a empresa xa recoñece nos escritos de despedimento a improcedencia destes, e polo tanto a súa inxustiza, a CIG-Ensino de Lugo vai reclamar a nulidade destes despedimentos por considerar que se están a vulnerar os dereitos fundamentais que temos os cidadáns.
O feito de que estes traballadores cobren as súa nóminas da Consellería de Educación obriga a esta Administración a tomar medidas contundentes para frear esta situación e obrigar a empresa a readmitir inmediatamente a estes traballadores. O 4 de xullo, antes de ser coñecedores dos últimos despedimentos, a CIG presentou un escrito ante o Delegado Provincial de Educación reclamando a implicación desta Consellería no conflito e para que tratara de evitar o que logo acontecería: novos despedimentos.
A CIG-Ensino vén reclamando desde sempre que se elabore unha regulamentación pública e transparente do sistema de contratación para estas empresas concertadas. Non é admisíbel que a Administración pague os salarios a empresas privadas e, neste caso confesionais, que contratan e despiden con total arbitrariedade e sen ningún tipo de limitación.
De seguir manténdose esta situación e de non cambiar a actitude da empresa, a CIG-Ensino vai a levar a cabo unha campaña pública entre os traballadores do sector, os pais e nais do alumnado e na sociedade en xeral para denunciar as prácticas desta empresa en particular e as do sector en xeral, así como a perversión do sistema que se produce cando é a Administración quen paga os salarios e son empresas privadas e sectarias quen deciden as contratacións e os despedimentos. A implicación de toda a comunidade educativa resulta fundamental para que esta situacións non se repitan.
Esta campaña comezará coa denuncia pública dos acontecementos e continuará coas mobilizacións pertinentes ao comezo do curso, no mes de setembro.
Todos estes feitos foron difundidos en rolda de prensa, o 7 de xullo, por Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG, e Carme Vázquez, secretaria comarcal da CIG-Ensino.