Comunicado difundido polo SLG a respecto destas mobilizacións:
O presente ano 2008, encetado cunha grave situación económica nas explotacións galegas, botou a andar cunha crise económico-enerxética que repercutiu drasticamente nunha suba do prezo dos produtos alimentarios para os/as consumidores/as, malia que a situación nas explotacións galegas produtoras de alimentos caracterizouse pola multiplicación dos custes de produción e prezos á baixa á hora de cobrar os seus produtos.
Púxose de relevo entón o fracaso do actual sistema de distribución alimentaria, instrumentalizado por grandes multinacionais que botan raíces nas políticas lexislativas da OMC e a PAC: Se os/as produtores/as cobran pouco e os/as consumidores/as pagan moito, quen queda cos cartos?
Na Galiza, nos meses de marzo e abril leváronse a cabo mobilizacións sindicais conxuntas por mor da situación do agro en xeral, e dos sectores gandeiros en particular, con denuncia da especial precariedade existente no sector lácteo. A reivindicación: PREZOS XUSTOS PARA OS NOSOS PRODUTOS.
No mes de marzo a UE aumenta a cota alegando que Europa precisa producir máis leite, o leite que agora non nos queren recoller, forzando, polo tanto, unha posterior baixada no prezo.
No mes de maio, conclúe unha estratexia político-empresarial (FENIL), destinada a aplacar as protestas de cara á opinión pública: fabrícase o contrato homologado sen prezo base, unha medida-trampa avalada e promovida polos Gobernos autonómico e central que, ademais de non solucionar nada, aboca ás produtoras/es á negociación individual coa empresa, absurdo e dramático retroceso no dereito á negociación colectiva acadado polas traballadoras/es nestes últimos anos de historia supostamente "democrática" do chamado “Primeiro Mundo”.
O SLG foi o único sindicato que se negou a firmar a instauración destes contratos, por considerar que haberán de garantir un prezo mínimo para os/as produtores/as, cubrindo os custes de produción e proporcionando a lexítima ganancia polo traballo realizado.
Asemade, o Sindicato Labrego Galego advertiu do interese das industrias por pagar o leite ao prezo máis baixo, alertando de posíbeis estratexias de mercado.
Nestes meses de xullo-agosto, de tradicional suba no prezo do leite, as industrias deseñan unha manobra de presión estruturada en torno á manida “estratexia dos excedentes”.
Dende o SLG denunciamos que se trata de “preparar o terreo” para botar por terra os prezos e, entón, poñer o contrato enriba da mesa secuestrando a produción leiteira ao prezo máis baixo do ano para toda a vindeira campaña.
Ao respecto desta estratexia levada a cabo nestes días pelas industrias lácteas, subliñar que se trata dunha ferramenta-comodín empregada habitualmente polas empresas para especular no mercado alimentario, ben sexa aludindo a un exceso de produción para acadar produtos a prezos baixos, ou ben, no sentido contrario: aludindo déficit de produción, como aconteceu durante a crise alimentar que eclosionou a principios deste ano, cando as multinacionais da alimentación -distribución e produción- espallaron a mensaxe de que había carencia de alimentos, e, deste xeito, subiron os prezos aos consumidores/as en porcentaxes surrealistas en moi pouco tempo.
É neste contexto no que o SLG desenvolve unha campaña de mobilizacións destinada a REITERAR A ESIXENCIA DA GARANTÍA DOS 0,42€ COMO PREZO MÍNIMO DO QUE PARTIR NOS CONTRATOS DO LEITE e poñer de manifesto A ACTITUDE ASOBALLADORA POLA QUE SE ESTÁN A DECANTAR AS EMPRESAS LÁCTEAS, así como A DESPROTECCIÓN Á QUE OS GOBERNOS ESTÁN ABANDONANDO A AQUELAS E AQUELES QUE NOS DAN DE COMER.