marco
Vigo, 8/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entregarán en San Caetano máis de 4.000 sinaturas

Marcha dos/as traballadoras do 112 en Compostela para reclamar que se escoiten as súas demandas

O martes 9 de setembro ás 11.30 partirá desde o Parlamento Galego unha marcha dos traballadores e traballadoras do 112, que chegará a San Caetano ás 12.30 da mañá. Neste edificio administrativo da Xunta terá lugar a entrega de máis de 4.000 sinaturas que estes traballadores e traballadoras levan recollendo en apoio das suas demandas.

Neste acto varios membros do Comité de Empresa entregarán por rexistro as máis de 4000 sinaturas recollidas nestes meses de conflito e solicitarán unha xuntanza à AXEGA (Axencia Galega de Emerxencias) para buscar unha solución ao conflito laboral.

A chegada a San Caetano está prevista para as 12.30, onde terá lugar unha rolda de prensa ás portas deste edificio administrativo da Xunta de Galiza

Que a Administración asuma a sua responsabilidade

O 112 é un servizo cidadán de atención a emerxencias da Xunta de Galiza que dependen da Dirección Xeral de Protección Civil pero que está xestionado por unha empresa privada. Hai máis dun ano as traballadoras e traballadores iniciaron mobilizacións en demanda de melloras nas súas condicións laborais e salariais. Reclaman que a Administración asuma a súa responsabilidade e escoite as demandas dos traballadores e traballadoras deste servizo.