A CIG Saúde de Ourense, a través dun comunicado de prensa, sinala que a Consellaria de Sanidade se aproveita dunha iniciativa sindical para mellorar este servizo de cita previa e atención telefónica para ‘dar renda solta á súa política privatizadora'. A central sindical nacionalista critica as consecuencias que conleva esta decisión xa que "os datos médicos da tarxeta sanitaria quedan en mans dunha empresa externa ao Sergas e a precarización das condicións de traballo do persoal, xa que os traballadores desta empresa non foron seleccionados a través de listas de contratación do Sergas".
Precarización e riscos para os usuarios
"A privatización de servizos o único que trae é ganancias para os intermediarios, precarización no emprego e riscos para os usuarios. Nas listas do Sergas hai demandantes de emprego que aboaron as taxas correspondentes para inscribirse nelas pero cando se cómpren contrátase unha empresa externa. Imos seguir por ese camiño?. O modelo que parecen implantar é o da privatización da sanidade co exemplo da comunidade de Madrid con diminución dos servizos e despedimento de traballadores e traballadoras. Isto non se pode repetir en Galiza", engaden desde a CIG Saúde.
Agardan rectificación do Sergas
Por último, agardan unha rectificación por parte "dos responsábeis do Sergas, aínda están a tempo: poñan a funcionar o servizo con traballadores do Sergas, controlen os datos sensíbeis dos usuarios e usuarias, como é a súa obriga, e afronten responsabilidade de ofrecer un bo servizo".