marco
A Coruña, 9/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
“Industrias Orde S.A.” asegúralles que “non hai garantías” de que vaian percibir o salario de outubro

Unha empresa de confección de Ordes mantén as operarias sen carga de traballo

“Industrias Orde S.A.”, empresa téxtil radicada en Ordes que realiza encomendas para “Caramelo”, mantén sen carga efectiva de traballo as súas empregadas desde comezos deste mes. A firma, dedicada á confección, xa se acolleu, no último ano e medio, a tres Expedientes de Regulación de Emprego temporal.

A empresa, ademais, advírtelles ás traballadoras que non hai “ningún tipo de garantía” de que vaian cobrar o salario de outubro, nin de que poida afrontar o pagamento das indemnizacións correspondentes.

Industrias Orde S.A. tamén lle adebeda ás traballadoras, 17 en total, a paga extraordinaria de xullo e as diferenzas de salario do IPC real desde o 1 de xaneiro de 2007.

O último Expediente de Regulación de Emprego temporal produciuse no período comprendido entre o 8 de agosto e o 30 de setembro deste ano. As operarias, ao reincorpóranse aos seus postos o 1 de outubro, atopáronse con que os patróns as manteñen sen carga de traballo durante as oito horas de xornada laboral. Pola súa banda, a única “solución” que lles aportan ás mulleres é recomendarlles que abandonen o seu posto na procura de traballo noutra empresa, de tal xeito que Industrias Orde S.A. aforraría os cartos dos despedimentos. De momento, as empregadas non teñen constancia de que a compañía vaia presentar un novo ERE.

Ante esta situación completamente insostíbel na empresa, derivada da incompetencia dos seus propietarios, a FGAMT-CIG vén de interpor unha demanda contra Industrias Orde S.A. no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) da Coruña. No escrito, a central nacionalista esixe a extinción do contrato que une as traballadoras coa empresa e que sexan indemnizadas con 45 días de salario por ano de servizo, como se dun despedimento improcedente se tratase.