Aspecto do Centro de Reparto de Correos de O Burgo (Culleredo), no que se evidencia a saturación das estancias.
A CIG-Correos constatou que habitualmente quedan pendentes de saír a reparto un 50% dos envíos que teñen entrada no Centro de Reparto de O Burgo, que atende todo o Concello de Culleredo e ao Temple (Cambre).
Actualmente máis de 35.000 habitantes (8.290 de O Temple e 26.707 de Culleredo) están a ser servidos postalmente só por 18 carteiros (12 urbanos e 2 rurais en Culleredo, e 4 urbanos en O Temple), traballadores que nos últimos anos están descontentos pola sobrecarga de traballo á que están sometidos, así como polas reclamacións verbais que durante o reparto reciben dos usuarios.
A Asociación de Veciños da parroquia de Orro (Culleredo) xa denunciara publicamente en días pasados os retrasos na recepción da correspondencia, situación que ocasiona perdas de citas médicas, de notificacións administrativas, avisos fóra de prazo… Os veciños desta parroquia aseguraban que esta situación comezou co incremento de 138 vivendas na urbanización Vallesur e 11 en O Canle, e que a mesma realidade estábase a dar tamén nos lugares de Ledoño, Sueiro e Veiga.
A central nacionalista ten coñecemento de que en días pasados perto de 40 veciños da parroquia de Sésamo se presentaron no Centro de Reparto de O Burgo acompañados por un notario ante a falta de recepción de correspondencia.
Por outra banda, CIG-Correos tivo unha xuntanza co alcalde do Concello de Culleredo, Julio Sacristán, o pasado día 8 de maio, que se comprometeu a trasladar os problemas do servizo postal do termo municipal nos vindeiros días ao Consello Sectorial de Participación Cidadá, no cal se acordarán, entre todos, medidas a adoptar para solventar esta situación.
Nunha nota de prensa publicada o día 11 de abril de 2007 nos medios de comunicación, aparecía o compromiso por parte de Celso Gómez Otero, responsable das Oficinas de Correos, de abrir unha oficina de atención ao público na zona de O Burgo antes do verán de 2007, en contestación ás demandas da Asociación de Veciños de O Noso Burgo. Así mesmo, ante as queixas recibidas por representantes veciñais, Correos comprometérase a reforzar as zonas que rexistraran un incremento poboacional, cousa que a data de hoxe non realizou e que, segundo a CIG-Correos, non se vai cumprir.
A CIG-Correos responsabiliza desta lamentable situación a Xefatura de Correos de A Coruña e a Dirección Territorial de Zona de Galiza, pola xestión que está a levar nos últimos anos, a cal vai encamiñada a incrementar os beneficios a costa de non contratar persoal suficiente e non aumentar os cadros de persoal en zonas de expansión demográfica, tal e como está a suceder en Culleredo e en O Temple, esquecéndose da obriga establecida na Lei Postal, que estipula “unha recollida nos puntos de acceso que se determinen e unha entrega no enderezo postal de cada persoa física ou xurídica, todos os días laborais e, como mínimo, cinco días a semana”.
A ampliación de 8 carteiros no Centro de Reparto de O Burgo ten que facerse antes do período estival, onde a situación adoita a complicarse. Se dende Correos seguen facendo oídos xordos a estas demandas, a CIG-Correos verase na obriga a curto prazo de tomar medidas de presión conxuntas entre os traballadores e traballadoras e os usuarios afectados pola nula calidade do servizo prestado por Correos para solucionar o problema canto antes. Dada a penosa situación que están a padecer tanto os traballadores e traballadoras de Correos como os usuarios deste servizo no Concello de Culleredo e na localidade de O Temple, a CIG-Correos demanda o cesamento inmediato de Juan Antonio Domínguez Prieto, Xefe Provincial de Correos de A Coruña e de Ricardo Martínez Bereijo, Director Territorial da zona de Galiza, "que coa súa falta de actuacións están abandonando o servizo de Correos até deixalo irrecuperable como servizo público", expresa Román Pena Aneiros, delegado de persoal da CIG-Correos en A Coruña.