A Organización Internacional do Traballo, integrada na actualidade por 188 estados, é a Axencia especializada das Nacións Unidas para as cuestións laborais sendo a única axencia de composición tripartita: gobernos, empresarios e sindicatos. Elaborar as Convenios Internacionais do Traballo e facer seguimento do seu cumprimento son os dous obxectivos fundamentais da OIT. É para iso que se reúne anualmente na cidade suíza de Xenebra durante tres semanas.
Na Conferencia deste ano tivo lugar a renovación do Consello de Administración da OIT, nome que recibe o máximo órgano de dirección da Organización Internacional do Traballo. Cada tres anos, durante a Conferencia anual, traballadores, empresarios e gobernos elixen aos seus representantes no Consello, formado por 56 membros titulares con voz e voto (correspondendo 28 aos gobernos, 14 aos traballadores, 14 ao empresarios), 76 adxuntos sen voto (38 dos gobernos, 19 dos sindicatos e 19 dos empresarios) e 76 suplentes (co mesmo reparto que os adxuntos).
Na elección deste ano a Confederación Sindical Internacional (CSI) chegou a un acordo coa Federación Nacional de Sindicatos de China para facer posíbel a elección do representante chinés no grupo dos adxuntos. O acordo CSI-FNSCh é a gran novidade político-sindical da Conferencia deste ano; prodúcese no marco das conversas que a organización sindical internacional e a organización nacional chinesa veñen mantendo desde principios deste con encontros ao máximo nivel en Tokío e Londres.
As dúas organizacións teñen a intención de continuar conversas e relacións nun marco permanente de colaboración e diálogo coa vontade de chegar a acordos prácticos en temas moi diversos e de grande transcendencia: empresas multinacionais, normas fundamentais do traballo, traballo decente e sindicalización.
Outras iniciativas van ser postas en práctica nos próximos meses, entre elas: a) un simposio de líderes da CSI e da FNSCh, posibelmente no mes de outubro en Xenebra, para tratar sobre a cooperación práctica a respecto das actividades das empresas multinacionais e das normas fundamentais do traballo, b) unha visita a China de unha delegación composta por altos cargos da CSI, por invitación da FNSCh e c) varias visitas de expertos da CSI, tamén por invitación da FNSCH, para intercambiar opinións e experiencia sobre temas específicos, en particular sobre salarios e negociación colectiva.