marco
A Coruña, 9/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Houbo un fallo real nas medidas de seguridade no accidente da noite do 8 de xullo

A CIG xa alertara en maio do risco elevadísimo de caídas ao mar nas obras de Punta Langosteira

Técnicos da CIG xa advertiran a Inspección de Traballo, o 8 de maio, do altísimo ritmo de traballo nas obras do porto exterior coruñés, da falta de medidas de seguridade, nomeadamente nas subcontratas, e do risco moi elevado de caídas de operarios ao mar nos labores de recheo. A denuncia na Inspección interposta pola central tralo último accidente en Punta Langosteira, acontecido na madrugada do 8 de xullo, supuxo a paralización da actividade na zona do sinistro.

Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, considera que a Autoridade Portuaria e a UTE-Langosteira deben asumir responsabilidades e deixar de dar explicacións burdas a respecto do último accidente nas obras da dársena. Na reunión extraordinaria da mesa de seguridade de Langosteira, o ente portuario cualificou de leve o sinistro, dixo que se debeu a causas fortuítas e negou que fallasen as medidas de seguridade. “A xuntanza foi unha perda de tempo pois as explicacións non son críbeis e semellan de ciencia-ficción”, asevera Carril.

O responsábel comarcal do sindicato entende, pola contra, que si houbo responsabilidades da Autoridade Portuaria e da UTE. A pala cargadora que caeu ao mar non estaba adaptada para realizar os labores de recheo pois, no canto de ter cadeas, posuía rodas de goma, pouco adherentes para esta clase de terreos. Ademais, tanto o ente portuario como a UTE ignoraron máis unha vez o risco de caídas ao mar no recheo, pese a que a semana pasada as ondas levaron 90 metros de terra na zona onde se rexistrou o accidente.

Nas obras de Punta Langosteira constátanse fallos reais na seguridade, na práctica non existen suficientes recursos humanos para a prevención e prevalecen os altos ritmos de traballo e a produción sobre a vida dos operarios. Os traballos da dársena exterior estanse a converter na obra pública con maior sinistralidade na Galiza, cun balance de catro obreiros mortos.

Denuncia na Inspección

Vitorino Ares, secretario comarcal da CIG-Construción, presentou en nome do sindicato unha denuncia na Inspección contra a UTE-Langosteira e a subcontrata Percasa, pola que está contratado o traballador accidentado. O sinistro produciuse ás 2:30 horas do 8 de xullo na construción do “espaldón”, onde caeu ao mar unha máquina retroescavadora con rodas de goma durante as manobras de recheo.

O condutor, que puido lanzarse a auga antes de que o vehículo se precipitase ao mar, foi salvado in extremis por varios compañeiros. A CIG reitera na súa denuncia a falta de seguridade nas empresas auxiliares e os elevadísimos ritmos de traballo impostos no verán “polos mesmos encargados e mandos intermedios que teñen sido parte nas causas dos accidentes mortais anteriores”.

O obreiro que sufriu o último accidente xa recibiu a alta hospitalaria.