
Escritor, ensaísta e filósofo español nado en Madrid en 1960. De formación marxista, publicou varios libros de ensaio sobre disciplinas como filosofía, antropoloxía e política, ademais de colaborar como redactor en varias revistas e medios de comunicación, como o xornal vasco Gara ou o sitio web alternativo Rebelion.org.
O recoñecemento de que a lóxica das clases e a lóxica dos territorios se cruzan no marco da globalización capitalista debe levar a un exercicio de casuística responsábel e lúcido. Até que sexa a democracia (a pura cidadanía) a que garanta de modo igualitario o acceso aos territorios -iso é o socialismo-, estamos obrigados a ceder ou a resistir desde territorios histórica e simbolicamente definidos.
Dereitos individuais e dereitos nacionais son incompatíbeis.
Pluralidade, multiculturalismo, transversalidade identitaria, humanismo cosmopolita, todos os proxectos emancipatorios do século XX parecen ameazados por bucles melancólicos e narrativas densas que fan achantar os impulsos idiosincrásicos e sufocan as liberdades individuais. Fronte á terra sacra e os costumes milenarios, a identidade posmoderna, dividida en rachas voandeiras, cabe nun peto ou nunha carteira: a tarxeta de crédito, a tarxeta do Corte Inglés, a tarxeta de Air-Europa, a tarxeta da empresa, a tarxeta do teléfono móbil. Contra as representacións colectivas e as lamacentas memorias compartidas, abonda con estas cinco diminutas tarxetiñas para nos convertermos en cidadáns do mundo e poder dar leccións aos demais.
Os que así razoan esquecen que á meirande da humanidade pídeselle que aprenda a manexar un computador cando aínda non sabe ler; pídeselle que abandone o colo do Estado cando nunca chegou a ter un; e tamén se lle pide que cuestione a identidade e se eleve liviamente da terra aínda antes de poder pousar os pés en ningún chan; pídeselle, en fin, que se volva posmoderno sen pasar pola modernidade. Os que así razoan esquecen ademais que a liberdade depositada nas súas cinco tarxetiñas non é o resultado de ningún exercicio de liberdade, non naceu e non se mantén a partir dunha decisión individual senón ao final dunha intensa intervención sobre os territorios que determina a escala internacional unha repartición desigual de soberanía nacional.
“Os dereitos dos ingleses están por riba dos dereitos humanos”, esta frase do imperialista Disraeli resume a regra histórica a aplicación da cal moitas veces violenta segue permitindo ás potencias occidentais falar de dereitos humanos e liberdades individuais: o cosmopolitismo non é máis que o nacionalismo vitorioso dos que están protexidos por un Estado forte, a sublimación interesada dunha hexemonía territorial. O cosmopolitismo, por dicilo así, é un dereito dos ingleses e dos españois; o humanismo sen fronteiras é un dereito exclusivamente nacional. Pero non hai aí nada individual. Ao contrario. Abonda con reparar na reacción institucional e subxectiva en Europa fronte á inmigración e na hospitalaria vulnerabilidade de África para lle dar a volta ao tópico: os que viaxan como individuos ven erguerse inmediatamente ante eles ríxidas barreiras nacionais mentres que os turistas poden entrar en todas partes precisamente porque non son tratados como individuos senón como ingleses ou españois.
No mundo hai nacionalismos fortes e nacionalismos débiles. Os únicos que son radicalmente non-nacionalistas -radicalmente individuais- son os inmigrantes, que botan pasaporte ao mar para que non os devolvan a un territorio do que foron expulsados e que non lles recoñece ningún dereito nacional. Habería que ser moi cínico para ver no corpo espido e vulnerábel do inmigrante un triunfo do universalismo e o cosmopolitismo en lugar dunha derrota do nacionalismo africano fronte ao nacionalismo europeo.
Democracia e nacionalismo son incompatíbeis.
Patriotismo constitucional, división de poderes, valores universais, a democracia mesma, que só recoñece cidadáns, parece ameazada por este vocerío de identidades esencialistas -vascos, cataláns, chechenos, palestinos, Curdos- que reclaman recoñecemento como suxeitos políticos; é dicir, que queren decidir como vascos ou chechenos e non como suxeitos de razón. Os que así argumentan -por exemplo, no noso país- esquecen que España non se creou a través do voto nin se mantén a través del senón mediante unha violencia histórica que se prolonga, baixo distintas formas, até o presente; que non é obra do “consenso” consciente dos seus habitantes senón dese escuro “plebiscito cotián” de Renan que reintroduce unha e outra vez -coa inestimábel axuda dos medios de comunicación e os políticos- toda a densa opacidade dos costumes e os atavismos “nacionais”. Os que así argumentan esquecen ademais que os nacionalismos débiles -o vasco, o catalán, o galego- son tan xacobinos e liberais, senón máis, que o nacionalismo español dominante; e que os nosos antinacionalistas nacionalistas -como Savater, Félix de Azua ou Albert Boadella- prefiren conservar España, aínda á conta da democracia, antes que vivir nunha democracia chamada Euskal Herria ou Catalunya. Os nosos intelectuais cosmopolitas son en realidade españois cosmopaletos.
Hai nacionalismos fortes e nacionalismos débiles. A evidencia é que non se alcanza a “españolidade” a través da democracia senón que -ao revés obtense un certo grao de demoracia a través da “españolidade”. Pero os límites desa democracia están impostos pola “españolidade” mesma. A “españolidade”, por exemplo, non é tan democrática como para españolizar a todos os inmigrantes nin para desespañolizar, se así o quixesen, aos vascos. Aínda máis: se se trata de impedir a españolización dos inmigrantes estamos dispostos a aceptar leis racistas e campos de concentración inhumanos e se se trata de impedir a desespañolización dos vascos estamos dispostos a silenciar ou aplaudir a ilegalización de partidos, a tortura e a criminalización política.
A dereita ten razón.
En 1923, durante as sesións do IV congreso do partido bolxevique, Kalinin fixou a doutrina oficial da Unión Soviética na cuestión dos nacionalismos: “A política soviética debe ter como fin ensinar aos pobos da estepa kirguiz, usbecos e turcomanos, os ideais do obreiro de Leningrado”. Fronte a el, Sultán Galiev, o comunista tártaro depurado por Stalin logo de ser o seu adxunto no Comisariado de Nacionalidades, defendera a creación dunha Internacional Colonial Comunista independente e denunciara o rusocentrismo da política oficial soviética, co argumento ben fundado (como demostraban as palabras de Kalinin) de que “a substitución en Occidente da burguesía no poder polo proletariado non provocaba nin provocaría ningún cambio nas relacións do proletariado occidental cos países oprimidos de Oriente, pois esta clase herdaba a actitude nacional da clase á que sucedera no poder”. En vésperas da descolonización, Galiev comprendía moi ben, por exemplo, que a desislamización non podía ser a condición senón máis ben a conclusión do comunismo; e que o que el chamaba “nacións proletarias” debían elaborar o seu propio modelo de liberación. O erro de Kalinin (“a actitude nacional” transversal ás clases sociais) tivo pesadas consecuencias históricas. Abonda con pensar na reacción do goberno republicano español, durante a guerra civil, fronte ás propostas do comunista palestino Nayat Sidqi, empeñado en atraer o apoio dos independentistas marroquís; ou abonda con pensar na posición dunha boa parte da esquerda francesa fronte á guerra de liberación de Alxeria. O antinacionalismo esquemático da esquerda -profundamente “nacional”- foi o que acabou conferindo á experiencia soviética todos os trazos dun imperialismo clásico.
O capitalismo -non o esquezamos- é un modelo de relación co territorio ou, mellor dito, de apropiación territorial, á que é contraditoriamente funcional a forma Nación-Estado. Baixo a súa hexemonía, tanto a submisión como a liberación adoptan necesariamente un formato nacionalista. O nacionalismo, é verdade, masacrou a millóns de proletarios europeos nas trincheiras da Primeira Guerra Mundial, encirrou o lebensraum nazi e o expansionismo fascista e alimentou e segue alimentando todos os imperialismos: desde o colonialismo europeo decimonónico até o neocolonialismo de Hulliburton ou Repsol. Pero foi o nacionalismo tamén o que fixo a revolución francesa, liberou o Terceiro Mundo -polo menos nominalmente- tras a Segunda Guerra Mundial e expulsou aos EEUU de Cuba.
A dereita ten razón; comprende moito mellor o carácter territorial da loita. Por iso, mentres condena os “nacionalismos”, non deixa de alimentalos selectivamente e utilizalos ao seu favor. Mentres se pronuncia a favor do cosmopolitismo e contra as narrativas densas, sabe que a resposta fronte ao nacionalismo debe obedecer aos seus intereses económico-políticos. Nacionalismos? Uns non e outros si: o País Vasco non, Santa Cruz si; Abxasia e Osetia non, Kosovo si; o Curdistán turco non, o Curdistán iraquí si; Palestina non, Eslovenia, Croacia, Bosnia, o Tibet... si.
A esquerda debe facer de dereito o que a dereita fai de feito. Nacionalismos? Uns non e outros si: depende do inimigo, os métodos e os obxectivos. O recoñecemento de que a lóxica das clases e a lóxica dos territorios se cruzan no marco da globalización capitalista debe levar a un exercicio de casuística responsábel e lúcido. Até que sexa a democracia (a pura cidadanía) a que garanta de modo igualitario o acceso aos territorios -iso é o socialismo-, estamos obrigados a ceder ou a resistir desde territorios histórica e simbólicamente definidos. Non hai máis que nacionalismo e nacionalismos: nacionalismos fortes e nacionalismos débiles; nacionalismos agresivos e nacionalismos defensivos; nacionalismos expansionistas e nacionalismos internacionalistas. Ás veces, é verdade, non é doado atopar a liña ou non perdela; pero, como no caso da xustiza, é fundamental empezar por recoñecer a súa existencia.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 8 de outubro de 2008]