
Solbes, sempre tan parco en palabras e medido nas que saen da súa boca, seguro e cunha mirada que fai temelo como inimigo, malia unha cara amigábel, afirma que estes son uns orzamentos austeros, cando debía dicir que son menores cos do último ano. Concretamente teñen un crecemento do 3,3% polo que están por debaixo do aumento do IPC pra este ano que, con seguridade, non é inferior ao 4%, xa que no interanual do mes de setembro atinxía o 4,6%.
Engade que son uns orzamentos sociais, malia a crise, como se amosa no medre da porcentaxe adicada a algunhas áreas sociais, como igualdade, vivenda e servizos sociais, porén esquece que teñen un decrecemento en sanidade que, pola importancia desta área asistencial, resulta incomprensíbel e pon en entredito a finalidade social dos mesmos.
Non se entende que, nun intre como o actual cunha queda tan grande do consumo e do emprego, non exista unha actitude máis atrevida, un maior endebedamento estatal pra aumentar os servizos públicos, as axudas aos sectores sociais máis afectados, e a apoiar a actividade produtiva. Pra alén dos dous mil millóns pra atender o aumento do desemprego, e uns 20 millóns máis en igualdade, que semellan moito en porcentaxe porque as cuantías dos orzamentos adicados a esta área foron cativas en 2008, o certo é que, manter o poder adquisitivo das pensións, a anovacion tecnolóxica e a construción de vivendas son as estrelas destes orzamentos. Pouca cousa pra unha situación económica tan grave como pra que François Fillon, primeiro ministro de Francia, fale de que estamos diante do abismo.
Dunha primeira leitura podemos tirar a conclusión de que estes orzamentos realizan unhas menores transferencias ás autonomías e entes locais. Son regresivos no tema autonómico. Semella que o Executivo central quere reservar pra si todo os méritos propagandísticos dos escasos medios extras que adica a combater a crise, esquecendo que as institucións que están máis perto da xente teñen maior capacidade pra atender con eficiencia os problemas e necesidades de cada nacionalidade e comunidade autónoma. Un paso atrás que sen dúbida vaise notar nas iniciativas que se desenvolvan durante o vindeiro ano.
No referente a investimento, onde se salientou polos socialistas que Galiza vai recibir un 8,1% do total do total do orzamento estatal neste sector tan fundamental, agochase que este representa un aumento de só o 2,2% sobre as cifras anteriores, polo tanto inferior ao do conxunto dos orzamentos, e menos da metade do que pode crecer o IPC neste período. Na practica é unha cuantía menor á do último ano e, asemade, como se ten denunciado por algúns partidos, co agravante de que despois non se executa máis que parcialmente. As moitas protestas porque falta tal ou cal cuantía pra facer infraestruturas amosan que esta rebaixa ten consecuencias mesmo sobre proxectos comprometidos, por exemplo en tramos do AVE que teñen que se realizar pra cumprir os prazos garantidos polo Governo central.
Aínda que son dos que pensa que teriamos que facer máis forza na rede interna de ferrocarrís, máxime cando o AVE non permite o transporte de mercadorías, aumenta o carácter periférico de Galiza respecto de Madrid e estraga aquelas zonas polas que pasa; agora ben, o retraso non deixa de evidenciar que hai un trato discriminatorio inadmisíbel. Por este último motivo entendo e comparto a denuncia.
En resumo, son uns orzamentos que dan a xusta medida do Governo de Zapatero. Reflicten a falta de iniciativa, que carece dun proxecto alternativo, non entende (ou non quere ver) a gravidade da crise e o proceso de transición en marcha. Actúa no estreito marco do prezo do petróleo, da axitación da Bolsa e das eivas financeiras. Ate Sarkozy albisca máis lonxe. Sálvalle unha oposición igual de limitada, moi conservadora e acerrimamente centralista.
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 7 de outubro de 2008]