marco
12/5/2008

Nada en Vigo, en 1979, licenciada en Dereito (rama económico-empresarial). Tivo un papel destacado no movemento estudantil participando dos CAF e formando parte dos órganos de goberno da Universidade de Vigo. Foi concelleira do BNG no último tramo da lexislatura 2003-2007. Milita na CIG dende o ano 2002, tendo un intenso e activo labor no seo da CIG-Mocidade.
Na rede, mantén o blog persoal Galiza_subversiva.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O galego: a miña identidade

As diferenzas, a propia identidade é unha distorsión no mercado, algo que o modelo neoliberal non pode tolerar. Ao parecer temos que rendernos ao “progreso” de ter unha lingua única nun mercado único (o neoliberalismo non di único di universal).

“Galiza somos nós

a xente e máis a fala

se buscas a Galiza

en ti tes que atopala”

(Manuel María)

En 1492, cando o humanista español Antonio de Lebrija (tamén coñecido como Antonio de Nebrija) presentou a primeira Gramática da Lingua Castelá (que foi a primeira escrita na Europa para unha lingua vulgar) ante a raíña Isabel a Católica, esta preguntoulle que utilidade tiña para ela un traballo como ese, se xa coñecía a lingua castelá. Lebrija respondeu que a lingua é o instrumento e a compañeira do Imperio, que debía identificar os seus pobos e unir as súas xentes.

Esta observación, realizada hai cinco séculos, ten plena vixencia na actualidade e manifesta o verdadeiro carácter do fracasado Imperio español. O idioma español era unha parte inherente e consubstancial ao extinto proxecto imperial ao servizo do sometemento dos pobos e nacións, primeiro da península e despois de ultramar. O idioma era (é) o vehículo de transmisión da ideoloxía opresora e uniformadora do Imperio xenocida.

Na actualidade, estes imperialistas fracasados (como os denominou Castelao) continúan coa súa teima de negarnos a nosa identidade, a nosa lingua. Neste marco o papel que queren que interpretemos é moi simple, aplaudir como perfectas colonizadas este proceso. Observar pasivamente e mesmo contribuír! ao ataque contra a nosa identidade colectiva, a nosa lingua.

A tiranía do pensamento único dita o que temos que comer, vestir, escoitar, ver, votar, ler… As diferenzas, a propia identidade é unha distorsión no mercado, algo que o modelo neoliberal non pode tolerar. Ao parecer temos que rendernos ao “progreso” de ter unha lingua única nun mercado único (o neoliberalismo non di único di universal). A continuación reproduzo o que pensaba Castelao do idioma universal:

“a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Aí vai a demostración: un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal ”.

Eu négome a vivir nun mundo en branco e negro, no que as cores son concibidas como obstáculos e non como elementos que enriquecen as nosas vidas, o noso mundo. Quero ser eu, que me deixen ser eu; como persoa e como pobo.

Como ben sinala Pilar García Negro nós loitamos por combater a confiscación da palabra, por considerarnos planeta e non satélite apendicular de ningún centro español ou europeo, por erguermos a nosa voz autónoma en pé de igualdade con todas as voces da Humanidade; como calquera pobo libre e soberano(1).

Un personaxe de William Shakespeare dille ao seu patrón “quítasme a vida se me quitas os medios polos que eu vivo”(2). Voume permitir a licenza de parafrasear a este personaxe e dicir: “quítasme a vida se me quitas a lingua na que vivo”.

Notas

(1) María Pilar García Negro, “Antigüidade e modernidade da lingua galega. As propostas da legalidade vs as propostas da necesidade”. Caderno de formación: “Lingua galega e nós” (CIG, 2007).

(2) You take my life when do you take the means whereby I live

[Vigo, 12 de maio de 2008]