
Nada en Vigo, en 1979, licenciada en Dereito
(rama económico-empresarial). Tivo un papel destacado no movemento estudantil
participando dos CAF e formando parte dos órganos de goberno da Universidade de
Vigo. Foi concelleira do BNG no último tramo da lexislatura 2003-2007. Milita
na CIG dende o ano 2002, tendo un intenso e activo labor no seo da
CIG-Mocidade.
Na rede, mantén o blog persoal Galiza_subversiva.
Nesta tan “distinguida” convención ateigada de “ilustres” personalidades observei atónita como tanto o antigo dirixente do PP Rodrigo Rato como o ex presidente do goberno español Felipe González faltaban, categoricamente, o respecto ao pobo galego, ante as risas do seu auditorio.
Reproduzo o acontecido. Ante unha pregunta sobre a posibilidade de compatibilizar unha política de nacionalización de empresas á vez que se realiza un chamamento ao investimento estranxeiro, o ex ministro de economía Rodrigo Rato respondeu:
- “Soprar e sorber ao mesmo tempo xa dixeron os galegos que non é fácil de facer” (Risos no auditorio).
E Felipe González apostilou:
-“Pero Rajoy faino” (máis risos).
Pártome co riso. Poderíamos facer un concurso de tópicos: nin subimos nin baixamos, un pobo de brutos, ben… Viva o festival do humor! Que pasaría se na vez de galegos Rato falase de negros, xitanos, xudeus… xa non sería tan gracioso, non si? Claro, claro non se pode comparar dirían os españoleiros.
Indignada navego pola prensa (máis ben propaganda) española na busca de reprobación de tal actitude, nada. Vou á prensa con sede en Galiza (que non galega), nada de nada. O interesante da nova non é que se burlasen de todo un pobo senón o chiste sobre Rajoy. Vamos, que se non se chega a mentar o personaxe aquí non se enteira ninguén.
Non me sorprende o insulto de individuos dun Estado cuxo Diccionario da Real Academia Española ten como 5º acepción de “gallego” tonto (falto de entendimiento) e como 6ª tartamudo, malia as reiteradas protestas do ex deputado nacionalista Paco Rodríguez no Congreso dos deputados.
Como ben sinalou a prodixiosa pluma de Rosalía:
“Probe Galiza, non debes
chamarte nunca española”
[Artigo enviado pola autora, 14 de maio de 2008]