marco
16/5/2008
Escritor e responsábel técnico do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Optimismo da vontade e lingua galega

Entre os defensores da lingua galega, que somos moitos e diría que ás veces poucos visíbeis, son varias as actitudes que se manteñen a respecto do discurso –público e privado- que se debe facer sobre a situación do idioma e as posibilidades futuras. Entre os detractores, que son poucos e diría que ás veces extraordinariamente visíbeis (medios de comunicación mediante), a actitude é única, como único é o seu pensamento e única a gran nación, con capital en Madrid, que conciben. Para eles/elas, calquera medida favorábel a unha maior presenza do galego debe ser radicalmente saboteada, e a coartada a utilizar é a suposta falta de liberdade de elección de idioma.

 

Este discurso, de neoliberalismo lingüístico, agocha unha posición de auténtico apartheid contra o galego e revela de maneira tráxica como o auto-odio está enraizado en determinados sectores da sociedade galega, algúns deles, por certo, con responsabilidades educativas ou mesmo de carácter político e/ou institucional. Hoxe por hoxe, o propio Partido Popular está a dar abeiro a este tipo de colectivos, ao tempo que está a promover, tanto a nivel de Estado como no caso de Galiza, unha batería de iniciativas institucionais dirixidas a cuestionar calquera proposta de promoción do uso social das linguas das nacións do Estado e, consecuentemente, tendentes a facer da lingua española a lingua única por excelencia. Un delirio neoimperialista máis da dereita reaccionaria española, que apenas parece atopar máis respaldo político que o do minoritario partido encabezado por Rosa Díez e Fernando Savater.

 

Dicía que son varias e diversas as actitudes que mantemos os defensores da lingua galega, o cal non ten porque ser en si daniño, sobre todo se somos capaces de acordarmos conxuntamente uns mínimos comúns para unha estratexia que resitúe no novo contexto a cuestión lingüística. Así, de cando en vez, déixanse sentir con forza mensaxes apocalípticas que alertan sobre o que, para algúns, son as escasas oportunidades de que o galego acade unha maior presenza social. Desde este apocaliptismo lingüístico, aínda tendo aspectos que se poden admitir (a regresión no emprego do galego por parte das xeracións novas e nos ámbitos máis urbanos, por exemplo), non se valoriza convenientemente certos avanzos que, basicamente, en termos cualitativos se deron nas últimas décadas no noso país no que ten a ver co uso da lingua galega. Á parte disto, mensaxes deste tipo non resultan nada mobilizadoras á hora de modificar tanto actitudes como usos lingüísticos en favor do noso idioma.

 

Outras actitudes, que tamén se deixan sentir entre os que nos consideramos defensores do galego, pola contra pecan dun exceso de optimismo, como se todo estivese feito e o proceso de normalización do galego fose como a seda e estivese realmente consolidado como tal. Desde estas actitudes tenden a magnificarse aqueles datos que poden ser obxectivamente positivos para a recuperación social do noso idioma, pero moitas veces sen os querer contrastar con outras realidades que se dan a respecto da lingua galega. Este discurso, por veces, acaba por ser narcotizante á hora de remover consciencias e de promover unha mobilización e tensión constantes para avanzar nos usos sociais do noso idioma.

 

Outros, en troca, optan –optamos- por arremedar a Gramsci e, fronte ao pesimismo da intelixencia (o galego está a perder falantes), apoñen –apoñemos- o optimismo da vontade (este proceso, de perda de falantes, pode ser perfectamente reversíbel).

 

En gran medida, ao meu ver, a resolución do conflito lingüístico en Galiza vai depender de como os defensores da lingua galega encaremos a curto e medio prazo o devandito conflito: con que actitude o fagamos, con que capacidade para estabelecermos consensos amplos, con que horizonte estratéxico, con que grao de planificación, etc. O reto ben paga a pena.

 

                                                                                                             

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2008

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS