
Nada en Vigo en 1966, licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. É docente de ensino medio e escritora. Na actualidade, dedícase á actividade sindical na CIG, con responsabilidades de dirección na federación de ensino da devandita central sindical. Forma parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e colabora, desde 2003, co semanario A Nosa Terra. Mantén o blog persoal Acuática.
Houbo un tempo en que os nosos montes comezaron ver medrar os eucaplitos. Pouco a pouco foron ocupando máis e máis terreo, ter terras con monocultivo de eucalipto podía ser síntoma de prosperidade e era garantía de obter madeira para vender, é dicir, diñeiro, en pouco tempo.
Deste xeito, as árbores procedentes das antípodas foron desprazando, cada vez máis rapidamente, o carballo e o loureiro ou o acivro, as fragas desaparecían e no seu lugar medraban unhas árbores altas e delgadas que deixaban a terra seca.
Aínda hoxe cómpre explicar unha e outra vez por que hai que erradicar esta árbore dos nosos montes, explicar que o seu monocultivo empobrece a terra e que nos deixa sen auga, para alén de que transforma radicalmente a paisaxe do noso país.
Aquí, nestas terras do sur, houbo un argumento case definitivo para convencer os propietarios comunais dos montes. O lume. Porque o lume foi pacientemente resistido polas árbores de noso, aínda que tamén arderon, mais prendeu coma se fose colmo no eucalipto, e os vales convertéronse en xigantescas chemineas, mentres homes e mulleres feitos e dereitos choraban coa desolación de ver o monte arder. E ardían eles tamén, mais de carraxe, ao se preguntar de quen era a man que lle prendera lume.
Hoxe volven ao monte, cos seus alcouves de follas brillantes para sementar tomadas e ladeiras, mentres arrincan con minuciosidade os gromos de eucaliptos que teiman en medrar, dos propios troncos calcinados.
Moitas veces, cando estou diante da rapazada, sinto que estou diante dun anaco de terra e que vou sementar estas landras fechadas que son as palabras da miña lingua, da súa lingua, do noso idioma. Así que coloco con coidado cada sílaba e mesmo boto un pouquiño de abono natural, algún conto ou un poema, e rego, non máis do necesario, cuns pentagramas acaídos á ocasión. E prenderan? Eu confío en que si, mais para iso non abonda coa miña intención, ou coa de todos. Non abonda con deixar a semente no chan, cómpre facerlle oco para que lle chegue a luz e a auga, para que medre con forza, ou sexa, cómpre tirar as malas herbas e máis derramar os eucaliptos e as acacias para que poida vivir.
Así o noso verbo precisa de todos os amparos e de todos os compromisos, non basta con enunciar, hai que actuar. Cómpre o corpo legal e o seu cumprimento, cómpre actuar con decisión e garantir, reitero, garantir que podemos vivir en galego, porque queremos vivir en galego, porque só vivirá o galego se lle abrimos espazo e lle facemos sitio, en todos os lugares e momentos, para que medre libre e con forza na boca de nenos e vellos, de mozas e avoas.
Non basta con redactar a lexislación, hai que actuar para que se cumpra, esixindo e apoiando, sen agardar.
E non é só o noso dereito como persoas. É fundamentalmente o noso dereito colectivo, o dereito desta sociedade, deste pobo que só existirá mentres a lingua exista.
Se algún día só temos nos nosos montes eucaliptos e acacias xa non viviremos no noso país, isto non será Galiza. E cando os carballos xa non nazan entre os nosos dentes, e deixemos de dicir bidueiro e carqueixa, xa non seremos galegos.
Eu digo, e berrarei alto e forte o 18 en Compostela, que quero vivir en galego, os 365 días do ano, as 24 horas do día, todos os anos que me quedan por vivir e os centos de anos que se sucederán, para que o meu fillo, para que os máis novos e novas poidan tamén vivir en galego.
Ser galegos.
[Artigo enviado pola autora, 16 de maio de 2008]