
As medidas anunciadas este xoves polo Presidente do Goberno do Estado español, que se suman as que se tomaran fai uns meses, reflicten a importancia da crise, e aínda que se desminta anuncia a recesión que se aproxima. E, por outra banda, estas iniciativas teñen un nesgo empresarial, pois a cuestión social, pra alén do discurso, non aparece por ningures. Cos dados actuais non semella que a agudeza da crise sexa tanto polo aumento do prezo do petróleo, e outras materias primas, como por mor da burbulla inmobiliaria e a especulación financeira (dificultades na banca e constructoras). E neste tema a responsabilidade dos Estados Unidos, Reino Unido e o Estado español (cada un na súa dimensión) é importante, non se pode agochar detrás das eivas estructurais, que evidentemente son de máis envergadura porén tamén se manifestan máis de vagar. Dicía en artigos anteriores que temos unha crise (especulativa) dentro doutra estrutural, e que as medidas necesarias pra saír delas non son as mesmas, aínda que sempre se debe ter en conta o contexto máis xeral, aquel que marca as tendencias socioeconómicas futuras.
As declaracións de Zapatero encol da boa situación económica do Estado español a respeito dos grandes países da UE son pra rir, se non fora pola gravidade do tema ¿que importancia ten neste contexto un diferencial de decimas?... Ningunha!!!. A capacidade das economías de Alemaña ou Francia, as súas balanzas comerciais, nivel de renda, competitividade industrial e nos servizos, está a anos luz da que ten o Estado español. O milagre dos últimos anos no Estado construíuse sobre a especulación inmobiliaria, a entrada de man de obra masiva (non sindicada e barata) e de capitais especulativos, e a rendibilidade das empresas no exterior. Hipotecouse o futuro pra manter a viabilidade presente no marco da moeda única, pensando inocentemente (ou por pura cobiza) que este era un atallo ao desenvolvemento. Privatizáronse os beneficios da bonanza artificial, e agora todo indica que se queren socializar os custes do festorro.
Entre as medidas anunciadas hai algunhas positivas, como a de dar facilidades pra conseguir crédito ás pequenas e medianas empresas, porén tamén outras propostas que son claramente reacionarias, que presentándose como boas pra o conxunto das familias, realmente favorecen aos máis ricos, como a eliminación do imposto ao patrimonio. Tratase igual ao que ten un patrimonio de 300 mil euros que o que supera os dous millóns. Por esta vía desaparecen uns ingresos de 1.500 millóns de euros cos que se podería axudar ás familias con máis dificultades (porque perden o emprego, non dan pagado o piso de residencia, etc.). Segundo Zapatero é un imposto arcaico, do ano 1977. Non casualmente púxose en practica despois de caer a ditadura franquista, penso eu. Como outras veces os “socialistas” dan unha de cal e outra de area. Só que as medidas que favorecen aos máis ricos sempre son permanentes (casualidade?).
A axilización dos tramites de medio ambiente, costas, etc. pra instalación de empresas (supoño que tamén pra construción de obras) ten aparentemente aspectos positivos, porén ¿garante axeitadamente que se defenda o patrimonio cultural e protexe o ecosistema?... Non se estará abrindo a porta a todo tipo de desfeitas urbanísticas e industriais?...
Tampouco podemos considerar unha iniciativa progresista que se axilice desafiuzar os inquilinos nesta época de crise, en todo caso serian necesarias medidas que protexan ambos intereses, cubrindo o Estado as dificultades da parte máis débil (por exemplo utilizando os 1.500 millóns de euros de ingresos por patrimonio). Mesmo medidas que sempre caen ben, como a construción de vivenda protexida, teñen neste intre moito de demagóxico, se temos en conta que: hai un exceso de vivenda no mercado; pode darse un refluxo da inmigración e polo tanto unha queda de poboación; o aumento do desemprego rebaixará as adquisicións e aumenta a oferta de vivendas.
Neste contexto seria máis efectivo pra maioría das familias (as que forman a clase traballadora) que se deran achegas pra alugar e pagar os créditos. Por qué non?... porque pódense dar axudas á mocidade pra se independizar e non ás familias que tendo un piso onde residen poden perdelo, por ter uns menores ingresos ou os aumentos dos xuros por mor da crise?... Non se entende que neste último caso se axude a refinanciar, aumentando a débeda e os anos de hipoteca, co que isto significa, e non se procuren outras saídas menos gravosas. Por exemplo, seria máis coherente que adquirira estes pisos o Estado ou ofrezera outros compatíbeis (evitando así facerse cargo de pisos e casas de luxo, por máis que sexan residencias). Ademais en todo isto, o sistema financeiro ten que pagar o seu, a el debéselle a responsabilidade da burbulla inmobiliaria, tamén ao Executivo que sabendo as eivas deste tipo de desenvolvemento favoreceuno, esperando que durara no tempo un período eleitoral máis. Negando ate o último momento o que era unha evidencia: a crise.
Por último, aínda que polo dagora non se di ren por parte do Goberno central, todo amosa que máis unha vez quéreselle facer pagar a crise aos traballadores e traballadoras. Os analistas falan de que o IPC esta moi por riba da media da Unión, polo que si se traslada o aumento aos salarios (ou sexa: recuperando poder adquisitivo) vaise perder capacidade competitiva, e axitase o mostro do desemprego. Ningún ten en consideración rebaixar os excedentes patronais ou aumentar a eficacia empresarial e tampouco se lembra a responsabilidade social das corporacións (verbas malditas todas elas). Tratase, máis unha vez, de conxelar salarios e aumentar ritmos de traballo, xornada, e precarizar. Esta será a fronte que se abra despois do vran, e na que CCOO e UGT terán sen dúbida protagonismo e como nas últimas décadas un papel funcional aos intereses do capital. Iso si, con declaracións combativas e algún que outro acto de protesta pra frear toda mobilización radical da clase obreira, organización e conciencia de clase.
Pra entendermos o inxusto de calquera medida que atinxa os salarios, podemos analizar a súa evolución durante unha década e ollaremos como foron perdendo peso no reparto do producto interior, malia que aumentou a porcentaxe de traballadores e traballadoras por conta allea. No ano 1995 os salarios representaban na Galiza o 48,86% do produto interior bruto e no ano 2005 o 48,31% (dados do INE). A diferencia non semella moi grande, porén en 1995 os asalariados eran 682.800 e no ano 2005 xa atinxían 924.800 persoas. Esta evolución negativa pra clase traballadora deuse nun período que se considera como de auxe económico. Agora ben non só se trata de ingresos máis baixos, senón que a fiscalidade fíxose regresiva (creceron os impostos indirectos, sobre os bens de consumo), e diminuíronse as cotizacións patronais por varias vías, e asemade modificáronse os tramos de cotización por IRPF favorecendo os grandes ingresos. Esta tendencia foi unha constante tanto con gobernos do PP como do PSOE.
A crise, como xa teño dito, pódese solucionar a prol ou en contra das maiorías sociais. Neste intre semella que se pretende desde o Goberno central sobre todo afortalar ás empresas, e non apostar polo consumo interno (os 400 euros son pouca cousa comparado coa ringleira de medidas pra favorecer ás empresas). Por ambos camiños pódese garantir o emprego, coa diferencia que sen maior consumo interno (público e privado), fomentaranse a produción e as exportacións porén non se asegura a millora da calidade de vida da maioría social. Garántese a recuperación empresarial, e os beneficios patronais, mediante unha maior explotación da clase traballadora (cantas horas haberá que traballar, a que ritmo, cantos anos? ¡ate onde vamos permitir a explotación e a cobiza!). Que se escolla esta andaina é coherente coas políticas desenvolvidas polos “socialistas” que fixeron do capitalismo e a patronal o celme da praxes económica, consensuando medidas que atenden só as situacións máis graves de inxustiza social, sen mudar ningunha pedra básica dos alicerces da explotación de clase e da secular opresión das nacións dependentes da periferia, entre elas a nosa Galiza con características coloniais. Poñerse ao servizo do capital neoliberal, devorador de materias primas, alíñante, destructor do ecosistema, levounos a esta crise de modelo, mesmo de civilización,... con pequenas correcións non hai solución posíbel.
Manuel Mera
Artigo publicado en GZnacion.