marco
19/5/2008
Escritor e responsábel técnico do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Manifestación pola Lingua: os moitos que alí fomos
Vista parcial da praza da Quintana no acto final da manifestación pola Lingua do día 18 de maio.

A manifestación do 18 de maio trouxo de novo á rúa e ao debate social que o conflito lingüístico está latente en Galiza, por moito que os negacionistas (tese que mesmo mantén o propio Presidente da Xunta, así como o partido que o sustenta e do que é secretario xeral, o PSdG-PSOE) teimen en obvialo.

O domingo 18 de maio as rúas de Compostela foron escenario dunha mobilización social, en forma de manifestación, reivindicando un outro espazo para a nosa lingua, un espazo de normalidade e un espazo de esperanza. O éxito desta mobilización, aínda que en boa lóxica hai que llo atribuír á entidade convocante –a Mesa pola Normalización Lingüística-, de seguro radicou na importancia que a base social do nacionalismo galego lle deu a esta manifestación, entendida como unha demostración de forza nun momento en que se vía necesario que iso fose así.

Dunha banda, porque as agresións que segue a padecer a nosa lingua (polo tanto, nós como usuarios dela) están á orde do día e danse nos ámbitos máis diversos da nosa sociedade, desde o laboral até o xudicial, pasando pola precariedade do seu uso en eidos como o dos medios de comunicación. Doutra, porque existe unha percepción xeneralizada –avalada en datos reais de uso- de que existe un retroceso, cando menos cuantitativo, no número de falantes, o que dá conta dunha ameaza real para a vitalidade e o futuro da lingua galega. De feito, existe un creba notábel na transmisión interxeracional de pais/nais a fillos/as no que ao noso idioma se refire.

Resposta contudente a colectivos como Galicia Bilingüe

Ademais disto, tamén se vía necesario dar unha resposta contundente á irrupción (sobre todo, mediática) nos últimos tempos de colectivos que, como o autodenominado ‘Galicia Bilingüe’, non teñen máis afán que esnaquizar a lóxica democrática en materia de usos lingüísticos e atacar con saña calquera proposta ou actuación favorábel ao emprego público do galego, sexa o ámbito que for, mais especialmente se isto se refire ao ensino. De aí o seu furibundo ataque a un decreto como o 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no ámbito educativo, decreto que ten como fin declarado “propiciar a igualdade plena entre as dúas linguas oficiais [galego e castelán] por parte de toda a poboación escolar garantindo igualmente a mesma competencia en ambas as dúas linguas”. E un decreto, que hai que lembrar que está lonxe de ser cumprido, como veñen poñendo de manifesto organizacións como a CIG-Ensino ou a propia Mesa, así como moitos dos integrantes dos Equipos de Normalización existentes nos centros de ensino.

Outro dos elementos que sen dúbida contribuíu ao éxito mobilizador da manifestación “Polo dereito a vivirmos en galego” foi a constatación de que o impulso normalizador do noso idioma que se debería dar desde os poderes públicos, e nomeadamente desde a Xunta de Galiza, non foi tal. Por descontado que non o foi cando o PP pilotaba o Goberno autónomo, e infelizmente non o é co novo Goberno da Xunta; isto malia que no pacto de goberno subscrito entre BNG e PSOE este era un dos compromisos que puña sobre a mesa a parte nacionalista do goberno.

De entrada, a asunción por parte do PSOE da área responsábel da normalización do noso idioma, a través da recén creada Secretaría Xeral de Política Lingüística (dependente da propia Presidencia da Xunta), xa se vía como un hándicap á hora de que o Goberno galego fose un auténtico motor para o proceso de normalización da lingua galega. Finalmente, estas nada esperanzadoras expectativas semella que se están a cumprir, e hoxe por hoxe o organismo responsábel da política lingüística a nivel nacional non foi quen de estar á altura das circunstancias e desenvolver un traballo cun mínimo de ambición e interese en reverter a situación de minorización do galego no propio país.

Escaso impulso normalizador da Xunta de Galiza

Na manifestación do pasado 18 de maio o que se mobilizou foi, fundamentalmente, a base social do nacionalismo, que demostrou que a cuestión da lingua é unha cuestión que segue a ser unha materia altamente sensíbel para esa base social. E resultou ser unha mobilización masiva e, xa que logo, exitosa. Unha manifestación que trouxo de novo á rúa e ao debate social que o conflito lingüístico está latente en Galiza, por moito que os negacionistas (tese que mesmo mantén o propio Presidente da Xunta, así como o partido que o sustenta e do que é secretario xeral, o PSdG-PSOE) teimen en obvialo. E o conflito está aí desde o momento en que comezou un proceso de substitución lingüística, de raíces claramente políticas, e o galego se foi vendo apartado dos seus usos sociais habituais e dos novos usos lingüísticos que se xeraban.

Só a través dun proceso á inversa, dun verdadeiro proceso de normalización lingüística, será posíbel reverter esta lenta e lacerante exclusión do galego no país onde naceu ao mundo hai xa máis de mil anos. E para isto todos os esforzos feitos desde o nacionalismo son aínda poucos. Porque moitas son, tamén, as vontades a gañar. Que non decaia o ánimo.

 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2008