marco
22/8/2008
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estrabismo presidencial

Ten razón o noso Presidente os culpábeis de todo o malo que lle acontece a Galiza son os cataláns, e por extensión os vascos. Eles son os que fai séculos se aproveitan das nosas riquezas, os que nos impoñen lingua e cultura, os que nos asimilan. Mentres que os casteláns, e os madrileños, son os nosos santos protectores desde Enrique de Trastamara e os Reis Católicos. Non houbo centralización, nen Doma e Castración do Reino de Galiza, senón unha ación de proteción preventiva antes que os cataláns nos conquistaran e colonizaran...

No debate orzamentario agroman todos estes prexuízos, non se empregan dados contrastados, nen se pescuda a verdade. Esquecese que Madrid recada boa parte dos impostos doutras áreas do Estado, polo que ingresa máis do 25% do total. Agochase que o Estado español recibe máis cartos dos que aporta á Unión Europea, ate o ano 2013, e que Galiza é rexión prioritaria na recepción de fundos. Ingresos que se rexionalizan só en parte, polo que recibimos menos do que nos corresponde. Ignorase cunha parte da man de obra galega traballa e cotiza noutras autonomías e nacións do Estado español e que despois regresa na xubilación (fanse estas contas?). E, asemade, cantos cartos se transfiren ao resto do Estado pola vía privada e das empresas públicas?...

Todos estes feitos hai que analizalos cando falamos dos ingresos e do reparto de impostos. Que funciona ser capital e “protector solidario” resulta evidente ollando o desenvolvemento de Madrid e zonas próximas, mesmo nas últimas décadas, malia as autonomías (que se reflicten insuficientes). O Sr. Touriño debera ler nosa historia, estudar os conceitos macroeconómicos, e deixar de alimentar á man que nos aperta a gorxa. As veces semella que o Conde de Benavente, coas súas 5.000 lanzas, nunca se foi do país.

Manuel Mera, 21 de agosto de 2008. Artigo publicado no Diario de Ferrol.