marco
23/4/2008
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Paraguai: A fin dun ciclo

O triunfo do ex bispo Fernando Lugo nas eleccións de domingo 20 de abril pon fin a case 61 anos de predominio do Partido Colorado. A maior parte deste período transcorreu baixo o signo dunha das máis feroces e reaccionarias ditaduras de América latina, presidida por Alfredo Stroessner, quen se fixo do poder mediante un golpe de estado en 1954 e permaneceu nel até 1989. Logo do seu derrocamento o Partido Colorado retivo o poder político, até o 20 de abri. Ao longo deses anos, Paraguai, un país que, como Bolivia, posúe grandes recursos naturais e unha poboación relativamente pequena (non chega aos sete millóns de habitantes), foi a máis no seu atraso económico, político e cultural, condenando á pobreza a gran maioría dos seus fillos e retendo a aqueles que non emigraron baixo as tenaces dun sistema corrupto até a cerma, onde os máis altos funcionarios do Estado eran, con moi poucas excepcións, os organizadores do saqueo practicado en contra da nación guaraní.

Co triunfo de Lugo caeu o último bastión dos despotismos que arrasaron a rexión durante a segunda metade do século pasado. O de Paraguai foi o máis lonxevo; mudou de pel como unha serpe e fixo por perpetuar a ditadura do mesmo bloque dominante baixo unha roupaxe que apenas formalmente podía parecer democrática. O transformismo do que falaba Gramsci foi unha verdadeira escola entre a clase política paraguaia e os cambios que ocorreron logo da partida de Stroessner serviron, como dicía o Gatopardo, para que todo seguise igual.

Con Lugo como presidente toda a estrutura da sociedade paraguaia enfrontarase a fortes movementos. Por empezar, do aparello clientelar montado desde hai seis décadas e alimentado permanentemente pola corrupción imperante. A oposición con que se enfrontará o ex bispo será inclemente e intratábel: donos absolutos de vidas e facendas durante décadas e oportunistas e hipócritas adherentes á norma do xogo democrático non deixarán de empregar calquera recurso para desestabilizar o proceso e provocar unha situación similar á que hoxe sofre en Bolivia Evo Morales.

Por outra banda, coma se a oposición interior fose pouca cousa, os ollos do imperio chantaranse de hoxe en diante na irmá república paraguaia, que pasará a engrosar a lista dos gobernos con “débiles credenciais democráticas”. A imperdoábel miopía dos gobernos de Brasil e Arxentina, a mesma que está empurrando cada vez con máis forza ao Uruguai cara aos brazos dos Estados Unidos, fixo que Asunción terminase por conceder para uso das forzas estadounidenses a base aérea de Mariscal Estigarribia. Situada nunha zona practicamente despoboada, a uns 200 quilómetros da fronteira de Arxentina e uns 300 de Brasil, ten a pista aérea máis extensa do Paraguai, superior á do aeroporto internacional de Asunción e capacidade para albergar 20.000 tropas. Tropas que gozan de inmunidade baixo un suposto “Acordo Militar de Adestramento” asinado entre galos e á media noite en 2005, mentres Itamaratí e a Chancelaría arxentina estaban distraídas en cuestións menos relevantes.

Haberá que ver se agora que Lugo é goberno Arxentina e Brasil pasan da retórica da solidariedade ao apoio efectivo a un goberno que vai necesitar de moita axuda para poder sobrevivir aos embates xa deseñados para precipitar o seu fracaso e volver ao Paraguai á súa normalidade.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino 'Página 12', do 21 de abril de 2008]