marco
27/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
George Steiner e os “damnificados da literatura galega”
México 2008. Foto © Xurxo Martínez Crespo.

Isabel Bugallal, de La Opinión de A Coruña, preguntoulles a un fato de “notabéis” verbo as declaracións de George Steiner sobre a literatura e o idioma galego.

Manuel Rivas, Suso de Toro, Ramón Villares, Bragado e Xosé Ramón Barreiro foron algúns dos “afectados” polas declaracións do profesor ao seren dignos representantes do noso idioma, literatura e esas cousas. As declaracións (todas traducidas ao español de Bugallal por ordes expresas de Steiner desde o seu xardín en Cambridge) están ao nivel dos protagonistas. Chamáronme a atención moito máis as teses defendidas polos aludidos, expoñentes da cultura e literatura que Steiner avalía, que a ignorancia do propio Steiner que, dito sexa de paso, pode ter a opinión que lle pete sobre Galiza, o galego, a literatura galega e os seus literatos. Ningunha literatura ou cultura é máis ou menos importante pola opinión dun ou dun cento de expertos ou inexpertos.

En primeiro lugar, Steiner parte do mesmo erro que unha grande porcentaxe de galegas e galegos que nunca pisaron unha universidade neste país: pensan que se pode estudar en galego, cando a realidade é que en 2008 é imposíbel, en calquera parte de Galiza, escolarizar un neno en galego, moito menos estudar nos niveis superiores.

Chaman a atención, é un dicir, as tímidas declaracións do galego na metade da escaleira, Manuel Rivas que, segundo Isabel Bugallal, levou un "sobresalto" e "un chasco" ao ler as palabras do pensador. Manuel Rivas propón enviar unha carta informativa (sic) por parte da Real Academia Galega, “non rifándolle, senón para informarlle dos valores da nosa cultura e da nosa literatura".

Manuel Rivas engade á campaña de envío de cartas e folletos (se cadra tamén de Medio Rural, que envíen folletos dos queixos e viños con DO que probabelmente inflúan máis en Steiner) un convite ( eu propoño con todos os gastos pagos no Hostal dos Reis Católicos por un mes) “do presidente da Xunta” que, segundo Manuel Rivas, “debía aproveitar a súa notoriedade (sic) para invitalo a vir a Galiza"; é rendíbel definitivamente falar mal da literatura e idioma galego.

Manuel Rivas, pola súa conta e risco, pensa mandarlle a Steiner“un informe verbo a realidade cultural de Galiza”. Recomendo o envío en calquera das catro linguas en que mantén relacións sexuais Steiner (absterse en galego).

Rivas quere achegar algo máis ao envío por parte da Real Academia Galega, se cadra envían os folletos de entrada á casa de Emilia Pardo Bazán e o “Informe Rivas”, que sirva para dar trascendencia literaria ao mes (gastos pagos) de viaxe por Galiza de Steiner por invitación do “notorio” (Rivas dixit) presidente galego (advertencia: os xudeus non comen nin marisco, nin porco, nin animais sen pezuño nin peixes sen escama).

No Informe Rivas sobre a realidade cultural galega dirixido ao profesor Steiner, o escritor galego máis rendíbel porá, imaxino, a cantidade de viaxes de promoción da cultura galega no exterior e o mea culpa por non facer un a Cambridge (estamos salvados porque nin en La Habana nin en Brest falarán mal de nós aínda que teñamos morto). A cantidade, que non é o mesmo que a calidade, de escritores, poetas, performers en galego, e a promoción a base de millóns e millóns a medios de comunicación de masas que desprezan consuetudinariamente o galego, un deles, por certo, no que traballa Manuel Rivas, que se chama El País, que ten unha chea de escritores “en galego” escribindo “en español”.

O xuízo de Steiner verbo a literatura galega, que é unha extensión da súa fala, non ía dirixido ás Cantigas medievais, nin aos trobadores, senón aos escritores actuais, algúns deles de dubidosa calidade e de teimosa habilidade para aparecer e nunca ser moito máis que iso: unha aparición.

Manolo Rivas cre que “non hai que deixarse levar pola cólera”, asegura que hai que darlle información (os folletos, a viaxe convidado polo “notorio” presidente da Xunta e o seu “Informe” van nese camiño). Engade Rivas que é “partidario de evitar os enfrontamentos políticos por aspectos menores (sic) e facer un traballo de comunicación (imaxino, por exemplo, viaxes de escritores en galego a La Habana, Berlín, Buenos Aires, Londres e agora Cambridge…) para dar a coñecer a cultura galega”.

Despois desta “elegante” defensa da nosa cultura desde a metade da escaleira, aspecto menor segundo Rivas, veñen outras defensas que coido que enchen de razón aspectos non lidos entre liñas dos conceptos de Steiner. O presidente do Consello de Cultura Galega, Ramón Villares, asegura "Se hai un idioma recuperado ou inventado non é o galego nin o catalán, senón o hebreo". A verdade que Steiner nunca dixo que o galego e o catalán foran inventados, é máis, falou positivamente do idioma catalán e dixo que a súa literatura era “impresionante”. Así a crítica de Steiner é sobre a pobreza da nosa literatura actual. Lembrarlle a recuperación do hebreo a Steiner, ademáis de non ter relación coas súas declaracións, e engadirlle o de “inventado” como poñendo en dúbida a lexitimidade do hebreo, é unha pobre resposta.

Villares utiliza a mesma defensa de Rivas, a literatura medieval, para defender a importancia da nosa cultura? A nosa literatura? Por este camiño deberíamos pedir aos escritores que deixasen de escribir, que coa literatura medieval estamos “xustificados”.

Villares engade algo desastroso á “defensa” da literatura galega cando asegura que “Galiza, vista desde as alturas (sic) de París, Londres ou Los Angeles parece pouca cousa" e "o punto de vista é decisivo", cando todos sabemos que se algo é realmente universal non depende do lugar senón da calidade; por iso Rosalía é universal e moitos creadores de París, Londres ou Los Angeles non son nada.

Os demais personaxes que “defenden” a nosa “cultura” e “literatura” non paga a pena citalos. Agustín Fernández Mallo bótalle a culpa a Pujol e a Esquerra Republicana de Catalunya para despois enlearse nunca parva parrafada sobre o nada lóxico feito de que un profesor de Albacete teña que saber, ou examinarse, de galego para dar aulas na Coruña. Engade Fernández Mallo que se un profesor da Coruña fose examinado de español en Albacete para dar aulas de matemáticas probablemente non aprobase.

Despois destas declaracións voulle mandar un informe a Steiner coas declaracións dos representantes da “cultura galega” (hoxe damnificados da cultura galega). O que non sei é se terán un efecto contrario e reforzarán as súas declaracións en El País.