
Seica imos ter eleicións anticipadas, diante do temor do PSOE autóctono de perder votos a medida que se agrave a crise económica, polo que se diluiría a perspectiva deste partido de millorar os resultados das anteriores eleicións autonómicas. Hai no razoamento unha lóxica porque a crise non chegou aínda ao seu momento máis agudo, pensase que a fin deste ano e durante o ano que vindeiro serán momentos duros, e as medidas tomadas ate agora polo Governo central non deron resultados. Isto pasou porque fundamentalmente intentan evitar só o derrube da burbulla inmobiliaria, non poñen control á especulación financeira e ignoran a crise estructural (pra alén de buscar remedios a escaseza de recursos enerxéticos).
Agora ben, aínda recoñecendo que un adianto teña os seus razoamentos, non se entende moi ben que unha decisión desta envergadura non sexa compartida co BNG. Primeiro, porque é unha obriga diante do eleitorado que apoiou durante estes anos as acións da Xunta de Galiza (mesmo cando lle roian os dentes diante dalgunhas que eran máis propias dos conservadores), e segundo, porque cun acto deste tipo converte no futuro (por principio) aos socios en adversarios políticos en todo momento. E non só nos procesos eleitorais, que semella lóxico dado que se trata de forzas con estratexias diferentes, e que teñen coincidencias só nun programa conxuntural, tal como se amosa nas diverxencias que xurden a cotío. Non é de bos socios xogar coas cartas marcadas.
Por outra banda, que se proceda deste xeito fai pensar que as enquisas non son moi boas pra os “socialistas”, non só en relación ao PP, senón que tamén aos nacionalistas. Dado que semella impensábel que neste intre os conservadores superen en votos ao PSOE e BNG (non están ofrecendo alternativas, aínda que fagan unha oposición mediatica forte á ación de Governo, nalgúns temas), o motivo real seria que os socios de governo non estarían entre si a tanta distancia como no proceso anterior, e que o tempo actúa en contra do partido maioritario na Xunta hoxe en día. Esta pode ser unha das hipóteses, cando menos a que entronca millor con colocar aos nacionalistas desde o inicio do proceso no eido da oposición.
En todo caso, non resulta moi positivo pra un Presidente de Governo (dunha nacionalidade, con tanta historia e identidade como a nosa), por máis limitacións que teña a autonomía, que chame ao vice secretario xeral do PSOE estatal pra consultar e decidir datas. Amosa unha dependencia extrema, aceptada, que ofende a un país que historicamente reivindica autogoverno. Se cadra estas actuacións, que mesmo se coidaron máis polos governos da dereita, son as que foron minguando os bos resultados que fai un ano se lle daban aos “socialistas”, e de pouco valeron as declaracións de galeguismo, diante da ambiguedade pra defender a lingua galega, da falta de valentía nas reclamacións de máis competencias e nos orzamentos, e nas mil xustificacións pra relativizar demoras e actitudes desconsideradas de Madrid co noso país.
Por último, seguramente, a crise, a falta de iniciativas propias pra atallala, así como non facer as reformas necesarias pra superala, está pesando nas preferencias da xente. Recoñecese que temos diferencias estructurais, económicas e sociais, porén desde a Presidencia da Xunta e algunhas consellerías esperase a que Madrid o decida todo. Só os nacionalistas fixeron propostas contra a crise (aínda que coido básicas, e que se deben completar con outras máis estratéxicas e radicais). Pensar que imos responder millor só con definicións, ou dicindo que a crise chega eiqui máis tarde e que estamos millor preparados, reflicte descoñecemento e unha falta de autonomía e decisión que a sociedade albisca cada día máis nidiamente. Semella que esta clarificación é o que se quere realmente evitar adiantando o proceso eleitoral, e ademais se escurece a data pra xogar coa vantaxe da sorpresa.
Manuel Mera, artigo publicado en La Región o 26 de agosto de 2008.