marco
3/7/2008

Nada en Vigo en 1966, licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. É docente de ensino medio e escritora. Na actualidade, dedícase á actividade sindical na CIG, con responsabilidades de dirección na federación de ensino da devandita central sindical. Forma parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e colabora, desde 2003, co semanario A Nosa Terra. Mantén o blog persoal Acuática.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estudar literatura, algo máis que ampliar coñecementos.

As escritoras e os escritores galegos, vimos manifestando a necesidade de visibilizar, e por tanto normalizar, a nosa literatura, pois a presión exercida desde os todopoderosos medios de comunicación ou as leis do mercado impídenlle respirar con desafogo e mostrarse como debería en todos os andeis posíbeis. Como sucede co noso idioma, non se pode negar que as condicións que existen para a nosa literatura non son as mesmas en que se desenvolven outras literaturas próximas, como a española.

Así que é absolutamente inaceptábel que a Consellaría de Educación veña de suprimir como optativa a ofertar polos centros educativos unha materia que se viña recollendo até o de agora: Literatura galega do século XX, unha materia que aquel alumnado que quixese profundar no coñecemento da nosa literatura contemporánea podía seleccionar entre un conxunto maior de optativas. Mais a Consellaría de Educación dirixida pola socialista Laura Sánchez Piñón decidiu que esta optativa non merecía ser ofertada polos centros e, ao mesmo tempo, suprimiu tamén as optativas: Literatura Universal Contemporánea e Literaturas hispánicas, supresións que veñen coincidir coa desaparición do Obradoiro de Expresión escrita na ESO, catro golpes na mesma ferida.

Dicía Castelao: “queremos volver a presentarnos diñamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabiduría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espritual da Humanidade”, e as súas palabras axéitanse á nosa reflexión de hoxe, porque precisamos contar cunha oferta de materias optativas no Bacharelato que lle permita ás mozas e aos mozos galegos elixir unha formación humanística sustentada no coñecemento da literatura escrita no seu país, unha oferta que lles permita achegarse a un número maior de obras literarias cás que se poden estudar dentro do programa da materia de Lingua e Literatura que debe seguir un itinerario determinado atendendo aos diferentes ámbitos que abrangue a materia.

Permítanme que diga que non falamos dunha materia calquera. Na miña humilde opinión a literatura é un facho co que iluminar o camiño do coñecemento, unha metáfora da vida. Por moi subxectiva que sexa a produción literaria é unha ferramenta para coñecer o mundo, unha escusa oportuna e gorentosa que abre a porta do desexo de indagación. As galegas e os galegos sabemos ben da literatura como ferramenta para o coñecemento e o recoñecemento, pois foi a través da obra das nosas escritoras e escritores (maioritariamente escrita no século XX) como fomos moitas veces descubrindo a nosa identidade, a nosa lingua e a nosa historia, as dimensións do país ao que pertencemos. No inicio desa cartografía de noso están os nomes dos poetas, a súa entrega incansábel ao labor da nosa reconstrución.

A decisión de Educación non significa só empobrecemento da oferta de optativas no Bacharelato, significa tamén incidir negativamente nun proceso de normalización lingüística e cultural en que todas as institucións deben colaborar. Eu opóñome.

 

Gondomar, 2 de xullo de 2008