marco
3/7/2008
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
U-lo respecto pola vontade popular?
Manifestación en Inglaterra na que se pide un referendo para a ratificación do Tratado de Lisboa.

O pasado 27 de xuño os medios salientaban a seguinte nova: “España gaña a Rusia no fútbol”, a maioría dos xornais mesmo insiren unha foto. Como temas secundarios, mais tamén de capa, a aprobación do Parlamento vasco da consulta sobre paz e soberanía proposta por Ibarretxe, e que o IPC atinxe valores que non acadaba desde hai unha década. O debate do Tratado de Lisboa, que seica é esencial pra todos e todas, que desde arriba afirman garante un futuro mellor, non mereceu capa e pouca ou ningunha información no interior. En fin, que as cousas fundamentais, que marcan o rumbo estratéxico, e as nosas vidas, son na hora da verdade opacadas, tapadas e agochadas polas clases dominantes. A democracia non ten lugar nas cousas de calado, onde se procura que só conte a opinión dos poderosos, e a maioría dos dirixentes políticos (non todos) acomódanse na xestión.

Este foi un debate apresurado, máxime cando se falaba que se ía celebrar despois das vacacións. Sen dúbida foi acelerado polo Non irlandés, e como parte dos acordos do cumio da Unión Europea posterior, para evitar que outros países seguisen o mal exemplo. Semella que se alenta que a xente non se informe do Tratado, que confíe, e non esixa consultas populares en cada un dos estados europeos. Por iso este debate parlamentar foi realmente un Golpe de Estado, xa que a vontade popular ficou esquecida, silenciada, esmagada, por mor do control absoluto do Parlamento polas clases dominantes e da escuridade. Só houbo seis heroicos votos en contra: BNG, IU e ERC. Semella a destes partidos unha postura marxinal, aínda que representa os intereses de moita xente, poida que mesmo da maioría. É un feito político para termos en conta, porque esta é unha votación ideolóxica, estratéxica, que define proxecto de sociedade; así como se realmente se está contra o colonialismo, pola defensa da identidade... Isto non quere dicir que as forzas que votaron non sexan organizacións plenamente transformadoras, da clase obreira, só que non aceptaron pasar a raia vermella da total entrega ao proxecto neoliberal, e no contexto europeo isto ten a súa importancia.

Cómpre ademais dun comentario o feito de que no momento do debate a Cámara de Deputados estivese case que deserta, coma se fose un tramite máis, o que contrasta coa apresurada reuniron ao máis alto nivel en Bruxelas despois do Non irlandés, e a saturación de análises e propostas, que demonizaban desde todos os ángulos a decisión soberana do pobo da illa. Seica as enquisas dan en Europa unha ampla maioría ao Si ao Tratado de Lisboa, entón por que non realizan referendos en cada país?, a que teñen medo? Con seguridade saben que a medida que se desenvolvan as campañas, por máis desiguais que sexan as posibilidades, a xente poderá facer algunhas comparacións e serán moitos os que pensen que lles venden gato por lebre e, como en Irlanda, a minoría institucional pódese transformar en maioría política e nun voto negativo. Por iso foxen de calquera consulta aos cidadáns... teñen rabo de palla, o medo que acompaña a mentira e o abuso do poder.

O Tratado de Lisboa sacraliza a Europa neoliberal e, como algúns analistas denuncian, é un acordo que compensa a pretensión de poder político de Francia coa hexemonía económica de Alemaña. Os demais estados, segundo sexa o seu peso, teñen un papel menor, moitos de simples satélites. Neste contexto o Reino Unido, Italia e o Estado español, teñen o seu protagonismo, que beneficia a segmentos da poboación e especialmente ás clases dominantes en cada un destes países, que son parte do bloque de poder. Por iso a votación nas Cortes amosou que non hai diverxencias na cabeza do poder económico (e político) verbo deste tema. Os financeiros, os do ladrillo, os da industria... todos están en principio por arar no mesmo rego. Mesmo o PNV e CIU apoiaron un texto que nega, taxativamente, os dereitos nacionais aos pobos sen estado, xa que garante os límites territoriais actuais. O que o PNV fai na capital do Estado choca frontalmente co que di e propón en Vitoria. En paralelo a Madrid, os parlamentos dos demais países da Unión queren premer ao pobo de Irlanda, dobrar a súa decisión soberana... actúan como se a crise sistémica non existise.

[Artigo publicado no xornal ‘La Región’, do 1 de xullo de 2008]