
Chávez sabe que a lóxica que preside o sistema é imperialista e que as potencias dominantes, e especialmente o seu centro principal, non fan concesións nin se conmoven coas aspiracións dos nosos pobos.
Arxentina chega debilitada á proxectada reunión dos tres presidentes. Por unha banda, cun poder político presidencial minguado pola recente (e inesperada) derrota dunha iniciativa -a Resolución 125- que insolitamente o goberno elevou case ao rango dun referendo revogatorio e perdeu. Pero tamén debilitada economicamente, a pesar dos datos macroeconómicos que continúan dando elevadas taxas de crecemento do PIB e baixo esta euforia disimular, polo de agora, algúns graves problemas.
A inflación é un inimigo moi serio, que o goberno non o toma como tal nin deseña unha adecuada estratexia para combatelo porque persiste en acreditar nas incríbeis cifras do INDEC. A crise enerxética é outra formidábel e aínda máis letal ameaza: liquidada a prezo vil a nosa petroleira estatal durante o menemato (nunha operación que contou co apoio irrestricto do PJ, a CGT, os gobernadores das provincias petroleiras e boa parte dos responsábeis políticos), dúas grandes empresas estranxeiras continúan extraendo cru dos nosos xacementos e exportando o que se lles peta sen ningún control do Estado para resgardar un ben público non renovábel e de extraordinario valor.
Sabemos o que elas exportan polo que din nas súas declaracións xuradas, algo que aforra probas á hora de denunciar a demorada reconstrución do estado na Arxentina. As reservas estanse esgotando, non hai exploracións nin novos pozos e ante a ausencia de novas iniciativas hidroeléctricas a chegada da crise é só cuestión de tempo. Canto máis creza a economía máis rápido será. Sumir a iso a inexistencia dun plan nacional de desenvolvemento -reclamado por Aldo Ferrer na súa memorábel exposición na Cámara de Deputados- e o panorama estará o suficientemente claro. Cando se di que “o modelo non se cambia”, o que non se di é que no modelo quen orienta a acumulación, fixa o rumbo do crecemento e decide o que se distribuirá “cara a abaixo” non é o estado senón o mercado. E este, se hai acumulación non redistribúe senón que concentra.
O anterior demostra que a Arxentina segue sendo o reino do “curtopracismo”: ningún goberno desde a restauración democrática até aquí pensou máis aló da próxima conxuntura electoral, e así nos foi. En Brasil, en cambio, a propensión a pensar -e actuar pensando- no longo prazo foi un dos seus trazos máis característicos. Por iso puideron construír Brasilia no medio dun páramo; por iso persisten durante décadas en facer de Petrobrás e Embraer dúas grandes empresas; por iso puideron crear o Banco Nacional Desenvolvemento e facer que, ao cabo dos anos, dispoña de máis recursos para empréstitos orientados ao desenvolvemento que o Banco Mundial; por iso mentres Brasil constrúe estradas, portos, aeroportos e grandes obras hidroeléctricas a Arxentina constrúe(?) discursos.
Está claro que pensar a longo prazo non sempre equivale a pensar correctamente. O “longopracismo” brasileiro ten un “talón de Aquiles”: a súa errónea visión da inserción de Brasil no sistema internacional. Por iso a contribución que pode facer Chávez ao robustecemento do MERCOSUR (se o deixan) é de fundamental importancia.
O bolivariano é o único que posúe unha visión non só de longo prazo senón tamén estratexicamente acertada. Chávez non se equivoca, como os demais, esperando “comprensión e apoio” de Estados Unidos ou a Unión Europea para o noso desenvolvemento. Sabe que a lóxica que preside o sistema é imperialista e que as potencias dominantes, e especialmente o seu centro principal, non fan concesións nin se conmoven coas aspiracións dos nosos pobos.
Lula, en troca, celebrou en marzo do 2007 o seu acordo estratéxico con George W. Bush para producir etanol e biodiésel, optando por alimentar os tanques dos automóbiles do Norte en lugar do estómago do seu pobo. E por iso mesmo na agonizante Rolda de Doha deu en aliñarse coas grandes potencias e “desapegouse” dos seus irmáns do Sur, prometendo abrir os seus mercados a cambio de que os ricos do mundo lle merquen os seus produtos. Todo, posibelmente, en prol dunha ilusión: acceder a un asento permanente no Consello de Seguridade da ONU, obsesión que os vellos e novos colonialistas estimulan habilmente para obter máis e máis concesións do xigante sudamericano ao módico prezo de manter viva a súa demagóxica promesa.
A Arxentina ten unha longa historia de supeditación aos desexos e intereses do Norte e terminou cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha. Chávez, en troca, sabe que a única opción para o desenvolvemento e o benestar dos pobos é reforzar a integración dos nosos países e potenciar a nosa autonomía de decisión: de aí as estratéxicas decisións de crear o ALBA, o Banco do Sur, o Gasoduto do Sur, Telesur e tantas outras iniciativas polo estilo. E nesa convición o bolivariano non exhibe fraqueza ningunha nin cede ante o canto de serea do imperio. Oxalá que os demais se contaxien.
[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 4 de agosto de 2008