marco
8/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Paro masivo e atonía política

A incapacidade do Goberno de explicar a crise e adoptar unha alternativa seria abre un espazo de influencia ao Partido Popular inimaxinábel hai uns meses. Abóndalle con denunciar a inutilidade do goberno e confiar en que o desánimo acabe por provocar un xiro radical. Non é que teñan ningunha alternativa seria. As propostas de recortes fiscais e desregulacións diversas, e as apelacións ao mercado, que son o único que achega a dereita, non son ningunha alternativa seria. Máis ben agravarían a situación.

                    I

O paro segue a súa escalada rampante. Hai só dous anos asistía a un debate sobre perspectiva social auspiciado polo Concello da miña cidade. Os técnicos que enmarcaban o debate empezaron por presentar os feitos estilizados e o primeiro deles é que acadaramos o pleno emprego. Hai menos tempo noutro debate de presuntos expertos en mercado laboral e migracións, unha persoa con gran prestixio social na predición económica insistía na necesidade de priorizar as políticas de emprego orientadas á contratación de inmigrantes para garantir a continuidade do crecemento. En ambas as ocasións non fun o único en cuestionar esta visión optimista, aínda que os que o fixemos eramos conscientes de actuar ao contraxeito. Tratábase en todo caso de debates sen relevancia social, pero indicativos de até que punto as elites intelectuais interiorizaran un discurso incapaz de presentir o perigo dun terremoto. Aínda nun momento onde xa se podían percibir os primeiros síntomas da fin de ciclo. E cando para moita xente empezaba a ser evidente que unha economía tan dependente da construción como a española tiña todos os números para entrar nunha recesión grave.

Os erros de previsión foron xerais. En boa parte produto dun tipo de análise estatística que tende máis a extrapolar o pasado que a detectar os sinais de cambio, que esquece a análise detallada dos procesos produtivos e que se limita a estudar unhas poucas variábeis, a miúdo pouco informativas. Ás limitacións da análise técnica hai que sumar ademais a lectura dos políticos, sempre orientados ao optimismo cando están no poder e á crítica na oposición. A lentitude en recoñecer a crise por parte do Goberno enténdese por esta combinación de falta de lectura realista e tendencia a eludir as malas noticias.

                    II

Como xa comentei nunha nota anterior, a crise actual é o resultado de factores diversos, algúns dos cales son específicos da economía española e apuntan a unha situación potencialmente máis grave que a doutras economías con maiores posibilidades de resposta. E fronte a esta situación comprometida, o Goberno segue considerando que estamos ante un simple axuste temporal con data de caducidade. Sería bo que alguén revisase o que ocorreu en períodos anteriores (nas décadas dos setenta ou dos oitenta) e tomase nota que tamén entón se ían fixando prazos curtos de recuperación que se ían incumprindo paulatinamente. O da “curta recesión” do 92-95 non vale moito porque a situación é distinta: nin agora se pode devaluar a peseta como se fixo entón (para mellorar a balanza de pagamentos) nin é pensábel que se inicie un ciclo rápido de investimento inmobiliario.

Ao meu ver, no caso español dáse a combinación dunha fase recesiva xeral cos problemas específicos da estrutura económica española, do seu posicionamento na estrutura económica mundial, no marco do tipo de empresas que controlan o poder económico. Sempre é atrevido xogar a agoireiros. A realidade económica é tan complexa que sempre existen máis posibilidades de evolución que as que somos capaces de advertir a primeira ollada. Pero ou as alternativas están tan encubertas que aínda non se perciben ou, como estimo máis realista, podemos esperar outro longo período de desemprego masivo, de graves situacións sociais, de incerteza e pesimismo.

                    III

A resposta do Goberno é pobre. Non podía ser doutro xeito dada a súa mediocridade e a pobreza de análise que predomina nos seus asesores. No seu descargo hai que dicir (aínda que eles colaboraron tamén a isto) que o Goberno carece dos instrumentos básicos que noutras ocasións constitúen respostas ás crises: tipo de cambio, política monetaria e mesmo boa parte da política orzamentaria están fóra da súa marxe de actuación. Pero na súa resposta nin cuestiona a importancia destas limitacións nin oferece unha formulación dunha mínima coherencia, a menos que se considere como tal a submisión aos imperativos da ortodoxia económica dominante ou a resposta aos grupos de presión.

O programa de medidas que se foi perfilando máis ben parece un intento de dicir que se están facendo moitas cousas que de situar en serio os problemas de fondo.

Combínanse medidas de sostemento das demandas, para que a actividade económica non decaia nos sectores económicos dominantes (construción e automóbil), con políticas depresivas que máis ben frearán a creación de emprego: especialmente os anunciados recortes do orzamento corrente ou a redución nun 70% da oferta pública de emprego. Cando todo o mundo era keynesiano, e predominaba algo máis de sentido común, dábase por feito que a expansión do emprego e o gasto público era un medio para manter o emprego e propiciar a recuperación económica. Agora volvemos aos vellos tempos do escolasticismo liberal que converte o déficit público en pecado e o emprego público en sospeitoso.

A parte pomposa é a das reformas estruturais. Pero ninguén pode esperar diso outra cousa que máis do mesmo. Empezando pola eliminación do imposto do Patrimonio (un imposto modestamente recadatorio pero útil para controlar a riqueza da xente potentada), unha verdadeira insensatez e inxustiza social. Nun país onde algúns se fixeron ricos con operacións patrimoniais é unha grosería falar de austeridade cando se lles perdoan impostos. Unha auténtica demolición da imposición ao capital iniciada polas comunidades autónomas con eliminación paulatina dos impostos de sucesións e doazóns e culminada agora polo Goberno. E aínda teñen a cara de presentárense como socialdemócratas.

O resto é o de sempre, reformas orientadas a promover o mercado, a competencia. Sen antes facer unha avaliación seria do ocorrido coas sucesivas reformas liberais (a dos alugueiros, o sector eléctrico, a telefonía, etc.). Prometían os beneficios da competencia perfecta dos libros de texto e amosaron a verdadeira lóxica do capitalismo real: competencia oligopólica entre uns poucos, desigualdades e xeración de custos sociais diversos. Ninguén parece capaz entre o Goberno e os seus asesores de facer a liquidación real da experiencia neoliberal. E cando esta fracasou en moitos aspectos só saben seguir na mesma dirección, se cadra esperando que ao final a frauta soe por casualidade e a pseudoutopía do mercado perfecto apareza por algures.

Son en moitos casos reformas inocuas, ou que aínda que poidan estar ben orientadas -como podería ser o caso dunha reformulación seria da formación profesional- só terán efectos a longo prazo. Pero quizais é só a primeira andanada. Hai unha segunda fronte que pode resultar máis perigosa e que sen dúbida se vai confirmar se o desemprego masivo se consolida: a da reforma laboral e da seguridade social, e a moderación salarial. Un clásico que nunca desaparece. Animado pola voracidade empresarial e pola ideoloxía de señoritos dos asesores áulicos. CCOO e UGT xa dixeron que non, que está claro que vimos dun longo período de moderación salarial e de desregulación e que non están dispostos a tragar outra vez. Pero un ten dúbidas da firmeza destas posicións se a situación empeora, as presións desde o poder e os seus corifeos se reforzan e proliferan as chamadas á responsabilidade. O feito de que entre os parados vaian estar moitos estranxeiros engade outro aspecto preocupante á situación, por canto facilitará a penetración social dos discursos de criminalización dos desempregados.

A incapacidade do Goberno de explicar a crise e adoptar unha alternativa seria abre un espazo de influencia ao Partido Popular inimaxinábel hai uns meses. Abóndalle con denunciar a inutilidade do goberno e confiar en que o desánimo acabe por provocar un xiro radical. Non é que teñan ningunha alternativa seria. As propostas de recortes fiscais e desregulaciones diversas, e as apelacións ao mercado, que son o único que achega a dereita, non son ningunha alternativa seria. Máis ben agravarían a situación. De feito o anterior mandado dos populares axudou a consolidar o modelo económico de éxito fugaz que agora parece liquidado. Pero unha cousa é a calidade do produto e outra o éxito de mercadotecnia que pode alcanzarse cunha propaganda machacona lanzada nun momento adecuado. A historia dos últimos cen anos está chea de éxitos deste tipo.

                       IV

A ausencia de alternativas non está só no poder. O neoliberalismo campa de tropezo en tropezo, de custo social en custo social sen que teña que confrontarse con ningunha proposta de calado. Non é que falten voces críticas, pero estas están dispersas e carecen de altofalantes adecuados. E en moitos casos resultan contraditorias entre si.

Hai razóns diversas que explican esta ausencia, ligadas aos cambios sociais e políticos que conduciron á xibarización (por sermos optimistas) da esquerda anticapitalista e do reformismo forte.

En primeiro lugar está a propia cuestión da construción intelectual. O discurso económico dominante susténtase na produción académica e dos centros privados de opinión. Estes últimos están fóra da influencia da esquerda. Pero onde se perdeu realmente a batalla foi no espazo académico, onde a ortodoxia económica neoclásica alcanzou unha hexemonía innegábel e onde as análises alternativas se presentan como residuos fragmentados de xente inadaptada ou incapaz. Non hai unha verdadeira forza alternativa de suficiente envergadura (non só no noso país, marxinal polo que se refire á produción de ideas) que xere un mínimo de desafío intelectual e produza argumentos que cheguen a converterse en ideas forza para os movementos sociais.

Non é só un problema de marxinación. Tamén está a perplexidade sobre que alternativas perseguir. No pasado as respostas eran doadas. As críticas ao capitalismo acababan concentrándose na súa incapacidade de xerar un nivel adecuado de crecemento económico. A esquerda reformista keynesiana e a esquerda radical planificadora tiñan en común propostas de intervención pública orientadas a provocar un maior aumento da produción, o emprego e, supúñase, o benestar. E a miúdo eran propostas traducíbeis a escala dun só país. Hoxe esta visión unitaria das alternativas está en crises. E as poucas propostas de esquerda aparecen diferenciadas pola súa propia percepción de cara a onde transitar.

Pódese, por exemplo, propugnar que fronte á crise actual hai que volver desenvolver políticas públicas expansivas, pero neste caso xorde o problema de cal é o nivel no que deben adoptarse. Ante a incapacidade de articular unha resposta global -polo menos a escala da Unión Europea- as alternativas de relanzamento da actividade acaban rebaixando o seu nivel de crítica. Un bo exemplo constitúeo no noso país a proposta de Comisións Obreiras. O sindicato denunciou desde hai tempo as contradicións do modelo económico español (hai varios números da súa revista teórica Gaceta Sindical dedicados a esta cuestión). Pero ante a necesidade de oferecer unha alternativa nacional, a súa proposta céntrase en propugnar un crecemento baseado en actividades de maior valor engadido, en maior desenvolvemento tecnolóxico, de capital humano e infraestruturas. De feito unha proposta produtivista forte que levou mesmo a algún dos seus dirixentes a defender a enerxía nuclear como parte desta alternativa. É unha aposta relativamente coherente en canto ao eixo desenvolvo produtivo, pero de difícil posta en práctica -non está claro quen van ser os actores deste cambio de modelo- e de máis que discutiíbeis efectos sociais. Non só porque elude discutir en serio a cuestión da crise ecolóxica. Tamén pola súa máis que cuestionábel aposta social: a defensa do “valor engadido” e o “capital humano” tradúcese nun modelo social que conduce á hexemonía dos controladores do sistema “tecno-científico”, que minusvalora a achega social de moitas actividades básicas e que pode reforzar as tendencias á diferenciación social e as desigualdades.

Unha resposta sería a de expor unha alternativa que tivese en conta e avanzase respostas á crise ecolóxica e ao mesmo tempo se orientase cara a un modelo social máis igualitario e inclusivo. Que por exemplo contemplase unha articulación adecuada das esferas de traballo mercantil e non mercantil na liña defendida polas economistas e sociólogas feministas. Pero a ninguén estraña que tal alternativa require importantes cambios institucionais difíciles de aplicar a curto prazo. Hai entre este pensamento alternativo moitas propostas parciais importantes. Pero se carece dunha elaboración que conecte as devanditas propostas, lles dea unha dimensión social e as converta en ideas forza para disputar á dereita a súa hexemonía cultural. E posibelmente exixe tamén, polo menos a curto prazo, un diálogo coas propostas situadas no campo da resposta produtivista tradicional, que ten ao seu favor o argumento de que hai que evitar os terribles custos sociais que xera o desemprego masivo. Quizais na defensa común de dereitos sociais e políticas de protección ás vítimas do novo desastre social empecemos a atopar vías de traballo común e de elaboración de propostas que nos permitan saír do espazo marxinal no que levamos demasiado tempo recluídos.

Tentando sintetizar: Non hai alternativas porque fallaron os procesos de elaboración e as propostas posíbeis apuntan cara a horizontes contraditorios: reforzar o produtivismo ou avanzar cara a unha sociedade ecoloxicamente responsábel. A crise da esquerda política é á vez un produto e un catalizador desta situación de perplexidade e desconcerto das alternativas ao neoliberalismo. E por iso todos os esforzos que se fagan por desenvolver visións compartidas, propostas unitarias, institucións sociais no plano da elaboración intelectual, os movementos sociais e as representacións políticas van ser esenciais para saír destes espazos fragmentarios nos que fomos illados. O grao de crise social ao que estamos confrontados debería comprometernos a traballar para conseguir polo menos que o monótono e antisocial discurso económico dominante tivese que facer fronte a un rival de altura como merece a situación.

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras Tanto’, núm. 61, de setembro de 2008]