Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 25/4/2008
Na mesma rolda de prensa de presentación da campaña do Primeiro de Maio, Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas da CIG, presentaba a valoración da Executiva Confederal respecto das medidas adoptadas polo Goberno Zapatero para, teoricamente, minizar o impacto que a aínda incipiente crise económica está xa a ter na economía.
O contexto
Seguindo o fío do propio lema da convocatoria da CIG do Día da Clase Traballadora, Oubiña explicou que na última década, en pleno período de crecemento e de bonanza económica, tanto os gobernos do PP como o último goberno do PSOE adoptaron unha serie de medidas dirixidas a garantir o crecemento económico e rebaixar a inflación. Esas medidas incluían axudas ás empresas, rebaixas fiscais... e a contención dos salarios. Ou sexa, a clase traballadora no seu conxunto, tiña que apretar o cinto para garantir os beneficios empresariais mentres vía como se recortaban os tipos máximos na retención do IRPF para reducir os impostos sobre as grandes fortunas. Impostos que obviamente pasaron a ser recadados por vías indirecta, contribuíndo en diante o mesmo quen ten un salario de 600 euros que quen ten ingresos de 50.000. O mundo ao revés.
Durante ese período o capital fai toda unha ofensiva loubando as regras do mercado e demandando a restrición do papel do Estado, para poder campar ás súas anchas sen ter que cinxirse a lei algunha, máis alá das súas propias.
Porén, e tal e como advirte Oubiña, "cando vén unha situación de crise coma esta, é cando o capital lembra a existencia do Estado e reclama a súa intervención para salvarlle a papeleta. E de novo é a clase traballadora quen ten que apretar o cinto". E neste contexto é xustamente, onde hai que analizar as medidas adoptadas polo Consello de Ministros ‘socialistas’.
As medidas e o seu alcance
A eliminación do imposto sobre o patrimonio vai favorecer precisamente a aqueles que teñen patrimonio e non aos traballadores e traballadoras, que non chegan, a maioría, nin a ter unha vivenda. Pero se xa é grave que teñan esta especial preocupación polos grandes propietarios, máis o é que decidan eliminar un imposto que estaba territorializado. En Galiza quen o recada (recadaba) é a Xunta, que prevía sumar por este concepto, segundo figura nos orzamentos de 2008, máis de 65 millóns de euros.
A devolución dos 400 euros é outra medida "tremendamente populista, froito desas promesas electoralistas" explica Oubiña, quen engade que "non estamos en contra de que aos traballadores se lles poidan devolver os 400 ou 1.000 euros, que en moitos casos sería de xustiza social... co que non podemos estar de acordo é con que sexa unha medida universal e se lle devolvan a un traballador que cobra 1.000 euros e tamén a un Botín ou a un Amancio Ortega".
A prórroga das hipotecas facilitando a súa renegociación é, segundo avalía a Executiva Confederal da CIG, outra medida populista que favorece fundamentalmente á grande banca. Os traballadores van poder aliviar minimamente a carga pero non se lles van debilitar os intereses e ademais, a cambio, estarán de por vida comprometidos coa entidade financeira en cuestión. Ou sexa, "unha medida que se presenta como unha axuda para as traballadoras e traballadores pero que, ao final, está dirixida a rebaixar a morosidade, reducir os impagos e facilitarlle o mercado á banca".
Tamén se anuncia que se deixará sen tributación a todo aquel capital que sexa de fora e que vaia investir en débeda pública, en renda fixa... antes tiña que facer declaración e se lles practicaban as retencións pertinentes, pero agora eses impostos elimínanse.
A única medida dirixida explicitamente aos traballadores/as "raia case o insulto", afirma Oubiña en referencia aos 350 euros que o goberno se compromete a conceder aos traballadores/as e ás familias con rendas que non superen o IPREM, que está nos 450 euros, durante un período de tan só tres meses. "Con ese cartos máis os 350 da axuda do goberno, ou sexa, cuns 800 euros, suponse que ten que manterse unha familia".
A CIG defendeu historicamente a existencia dun salario social. O secretario confederal de Finanzas lembra que en Galiza a cobertura por desemprego ten unha taxa sempre inferior, rondando normalmente os 8 puntos porcentuais por debaixo da media do estado. "Era unha oportunidade para crealo e universalizalo, non con 350 euros, senón como mínimo cunha contía semellante ao Salario Mínimo Interprofesional e non unicamente para tres meses".