Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 28/4/2008
Volverán a concentrarse o próximo martes, día 6 de maio, ás 12:00 h ante o Clínico
Os traballadores de Viproga endurecerán as mobilizacións se a empresa non paga os salarios pendentes
viproga 3
Os traballadores de Viproga, empresa de Seguridade encargada do servizo de vixilancia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) concentráronse na mañá deste luns, 28 de abril, ante os accesos ás consultas externas do hospital Clínico en demanda do pago dos atrasos. En solidariedade e para manifestar o seu apoio, á concentración convocada pola CIG, sumáronse tamén outros traballadores do sector.

Viproga adebeda aos seus traballadores a nómina do mes de marzo máis a paga de beneficios. A CIG xa denunciara esta situación, lembrando que non é a primeira vez que se producen atrasos, pero en ningún caso tanto durante tanto tempo como desta volta.

A situación para os traballadores é tan grave que xa anunciaron que endurecerán as mobilizacións se non se lles abonan os atrasos acumulados. Ademais a CIG, dada a situación, exixiu do SERGAS que revoque a contrata a Viproga por impago, xa que esta circunstancia supón un incumprimento do contrato asinado coa administración.

CIG-Servizos ten denunciado que en determinados momentos o servizo de vixilancia do CHUS realízase cun vixiante menos do que exixe o contrato e que, polo tanto, a empresa está a cobrar do SERGAS unha cantidade por un servizo que, en teoría, se desenvolve cun número de traballadores, cando en realidade se fai con menos.