Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 29/4/2008
Os delegados da CIG e UGT da sanidade privada veñen de acordar un calendario de concentracións en todos os hospitais da provincia da Coruña durante o mes de maio. As mobilizacións culminarán coa convocatoria dunha folga xeral de 24 horas os mércores 4 e 11 de xuño se antes non se consegue culminar a negociación do convenio.
A principios de 2008 retomábase a negociación do convenio de 2007 da sanidade privada da provincia da Coruña coa intermediación da Directora Xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo. Durante este período, e con cesións por ambas partes, producíronse certos avances. Porén, a negativa da patronal a seguir negociando vén de provocar a convocatoria de novas mobilizacións.
CIG e UGT, as organizacións sindicais que integran a mesa de negociación do convenio e os traballadores afectados consideran unha provocación as últimas propostas da patronal, que pasan por incorporar ao novo convenio un código disciplinario e impor unha substancial modificación da xornada.
Outras concentracións previstas:
Concentración, xoves 8 de maio, ás 11:00 h no Hospital Juan Cardona de Ferrol.
Concentración, mércores 14 de maio, ás 11:00 h no Hospital Santa Teresa da Coruña.
Concentración, xoves 22 de maio, ás 11:00 h, no Hospital Policlínico A Rosaleda de Santiago.
Concentración, xoves 29 de maio, ás 11:00 h, no Hospital Modelo da Coruña.
Nunha segunda fase convocaríase unha folga de 24 horas para os mércores 4 e 11 de xuño.