Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 29/4/2008
Xornada de folga contra a deslocalización
"Sabemos que as intencións son de pechar Draka Cables canto antes"
Alberto Millara B
Alberto Millara, presidente do Comité de Empresa, da CIG.
O 29 de abril a factoría de Draka Cables, no concello de Mos, amencía fechada e cos traballadores e traballadoras no exterior destas instalacións para demandar que se escoiten as necesidades e demandas dos traballadores neste novo caso de peche de empresa e deslocalización. Entrevistamos a Alberto Millara, presidente do Comité de Empresa, e delegado da CIG para falar máis polo miúdo deste conflito.

Malia á negativa de autorización da Subdelegación de Goberno para realizar a manifestación prevista, os traballadores e traballadoras concentráronse ás portas desta planta industrial da automoción. Nesta concentración estiveron acompañados por delegados e delegadas, traballadores e traballadoras da CIG da comarca de Vigo. Ademais tamén apoiaron e participaron desta mobilización membros do corporación municipal de Mos, que amosaron desde o primeiro momento a súa solidariedade co persoal de Draka Cables. O seguimento do paro foi total.

A continuación reproducimos unha entrevista co presidente do comité de empresa, Alberto Millara, delegado da CIG.

- Zélia Garcia: Que foi o que aconteceu con Draka Cables?

- Alberto Millara: Convocáronnos o venres pasado para o luns 21 de abril, e chegou aqui a directiva de Barcelona, xa que son cataláns os que levan o holding de Draka Cables no Estado español, e anunciaron o cese da actividade.

Isto en realidade comezou hai catro anos, cando tiñamos un xerente que era de Vigo, que era xefe de produción e que foi cesado. O home este quería facer cable eléctrico como facemos nós e unhas copias. Ao holding non lle gustou. De feito este xerente dicia que ia dar traballo á nosa familia, pero foi cesado.

A partir de aí o holding quitou toda a rede de comerciais e dixeron que estiveramos tranquilos porque eles xa ian manexar o tema desde Holanda. Pero a partir de ai perdimos cada ano entre un 15 e un 20% de produción. A cousa ía morrendo.

Crónica dunha morte anunciada

Daquelas como non tocou a postos directos, aínda que estabamos asustados, fomos aturando a situación. Algúns xa viamos que isto era a crónica dunha morte anunciada.

A verdade é que pensamos que farían algunha regulación, que ian botar a quince compañeiros, que ía ser traumático, pero non agardabamos que chegaran e anunciaran o cese de toda actividade.

Aínda por riba dixeron que continuemos a traballar até decembro de 2008, dicindo que ia estar todo o persoal, pero co peche xa anunciado. Para nós non é nin doado nin unha situación normal que nos anuncien que nos van botar á rúa e que aínda por riba traballemos como se non pasara nada. Por iso tamén comezamos a movernos.

Ademais temos informacións polas xuntanzas co Delegado de Traballo e tal, de que ademais isto non vai ser até decembro de 2008 xa, senón que queren que despois das vacacións de agosto ter ao maior número de xente posíbel fora da empresa. Xa se ve que as intencións son de pechar canto antes.

Outra cousa da que non gostamos é de que estaban eles reunidos co comité de empresa, mentres xa estaba a dirección de empresa a distribuir a información a Europa Press e a Efe sobre o noso futuro, sen aínda saber nada nós. Mesmo xa enviaron correos aos clientes dicindolles que estiveran tranquilos porque a súa produción estaba garatida; polo que vemos que tiñan todo atado e ben atado.

Proceso de deslocalización brutal

- Zélia Garcia: Tedes certeza de que este peche se produce por un proceso de deslocalización?

- Alberto Millara: Totalmente, isto é unha deslocalización brutal. Sospeitamos que a nova planta vai estar no norte de África, Marrocos, aínda que non temos seguridade a este respecto.

- Zélia Garcia: Saiu nos medios a cuestión de que Draka Cables recibía subvencións polo mantemento destes empregos, que información tedes a día de hoxe?

- Alberto Millara: Nesta semana imos ter unha xuntanza na Consellaria de Industría para averiguar estes datos. Estanos a axudar moito nese sentido os grupos da corporación municipal de Mos. Agora o Comité esta recollendo toda a información para saber como poder movernos e cara onde tirar.

Máis mobilizacións

- Zélia Garcia:O 29 de abril é a primeira xornada de folga e mobilización, van continuar as convocatorias?

- Alberto Millara: Si, vai haber máis mobilizacións, pero temos que ter coidado. É certo que a planta está mal, e mesmo pode ser que lle interese que xeremos problemas na planta. Temos unha plataforma loxística en Polonia con dúas semanas de stcko, que lle manda ao cliente, polo que para presionar tería que ser unha folga indefinida bastante longa, e iso poderianos facer moito dano, nas nóminas e demais. Ao mellor non é tan interesante facer folgas longas senón facer pequenas folgas e moito ruido para ter presencia nos medios, e que se nos escoite.

"A xente está doida"

- Zélia Garcia: Cal é o estado de ánimo dos traballadores e traballadoras de Draka Cables?

- Alberto Millara: A xente ten ganas de guerra. A xente está doida porque aqui hai xente que leva moitos anos traballando, hai xente que entrou con 25 anos e ten agora 50. Ademais estanche dicindo que es bo, que es o mellor en ratios de calidade, en absentismo, e ao final pechan, e pregúntaste de que vales.