Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 30/4/2008
O aumento das diferenzas entre salarios e prezos é un empobrecemento por causas estruturais. As protestas masivas, tanto nos países imperialistas como no terceiro mundo, nacen de problemas básicos inmediatos, pero as súas raíces afunden nas estruturas profundas da economía capitalista.
«Os países pobres do mundo gastarán uns 38 700 millóns de dólares en importación de cereais este ano, o dobre da cantidade que pagaron fai dous anos polas mesmas cantidades e un 57 % de aumento en relación con 2007.» Cita do senador estadounidense Byron Dorgan na Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) ‘Financial Times’, 21 de abril de 2008 p.19.
Estes últimos días, todos os bancos internacionais importantes (o FMI, o Banco Mundial, o Banco Interamericano de Desenvolvemento, o Banco de Desenvolvemento Asiático, etc.), todos os xornais e os medios de comunicación financeiros importantes víronse obrigados a recoñecer que está tendo lugar unha crise alimentaria importante, que centos de millóns de persoas están abocados á fame, á desnutrición e á morte por inanición. Realizáronse chamados a conferencias mundiais, declaráronse urxencias nacionais por mor das desordes provocadas por millóns de persoas en case cincuenta países que ameazaron con derrubar os seus réximes políticos e aumentaron as tensións sociais mesmo nos países máis dinámicos e con maior crecemento, como China ou a India. Incluso nos países imperialistas de América do Norte e Europa, a combinación da escalada nos prezos dos alimentos e o estancamento dos salarios, as expulsións dos seus fogares e os pagamentos das débedas ameazan aos réximes en exercicio e aumentan as presións sobre todos os gobernos para tomar accións urxentes.
As respostas das elites prevense inadecuadas e as súas explicacións da crise van desde a inadecuación, o interese propio até a estupidez. O Banco Mundial repite a petición de axuda de alimentos para urxencias e subsidios por valor de varios centos de millóns de dólares para os «máis necesitados», é dicir, para aqueles países nos que se produciron disturbios importantes por mor dos alimentos, con saqueos aos distribuidores privados de alimentos, os puntos de venda por xunto e polo miúdo, e ameazas ou derruba dos réximes de libre mercado que foron os alumnos modelo que seguiron as políticas do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional.
Os autoproclamados expertos económicos, segundo o previsto, avalíanse a si mesmos e intentan evadir o fracaso das súas receitas anteriores. Todos os académicos e conselleiros políticos conservadores, liberais e progresistas botan a culpa a «China, por comer demasiada carne» (profesor Paul Krugman, da Universidade de Princeton e columnista do ‘New York Times’), ao «crecemento da demanda», a «a inflación»... Os progresistas sinalan a desviación da produción cara aos biocombustíbeis como o «biodiésel», a falta de planificación dos gobernos e a distorsión das prioridades.
O aumento da axuda alimentaria ten soamente un impacto transitorio, en rexións limitadas, sobre unha fracción da poboación afectada. Culpar ao crecemento da demanda obviamente exixe preguntarse pola «falta de subministración» e as características estruturais (posesión de terra, pautas de propiedade, procura de rendibilidade e relacións entre clase e estado) que lle dan forma. De igual importancia é o feito de que, mesmo naqueles lugares nos que hai alimentos que chegan ao mercado, os prezos deses alimentos están fóra do alcance da maioría de traballadores rurais e urbanos, campesiños e persoas sen emprego. Os que critican desde o punto de vista da oferta e a demanda omiten unha análise de clase dos «produtores» que determinan o sistema de prezos (segundo o seu poder oligopólico do mercado e os seus criterios para obtención de beneficios) e os consumidores (traballadores informais e formais con salarios baixos, os ingresos dos cales van a menos). Os granxeiros capitalistas están nunha posición acaída para protexer e mesmo aumentar os seus beneficios trasladando os seus custos engadidos por insumos ao poder de mercado máis débil dos consumidores, axudados e instigados polos réximes políticos neoliberais do libre mercado.
Os progresistas que botan a culpa da crise aos biocombustíbeis (o aumento dos prezos débese ao desvío dos grans e o uso da terra cara á produción de combustíbel) non responden ás preguntas estruturais máis elementais: Que clases chegaron ao poder estatal e deron forma ás políticas económicas e permitiron que se producise este «desvío»? Os grandes empréstitos privados e estatais dos anos 70 debidos á dispoñibilidade de empréstitos baratos levaron ao crecemento do endebedamento. Os bancos privados, empresas e fabricantes, promotores inmobiliarios endebedados, derivaron, grazas ás súas influencias poderosas e relacións directas co estado, as súas débedas privadas ao Estado e, en último termo, aos contribuíntes, un fenómeno que se describiu máis tarde como «socialización da débeda privada» ou «pagamento da fianza ao sector privado».
O Estado viuse enfrontado a obrigas de débedas cada vez maiores (a chamada «crise da débeda»), acudiu ao FMI e ao Banco Mundial para obter empréstitos e, o que é máis importante, para obter o seu certificado para empréstitos enormes dos bancos comerciais. O FMI e o Banco Mundial exixiron cambios estruturais fundamentais do Estado para conceder os empréstitos, e estes empréstitos con condicións implicaban unha completa transformación nas políticas de investimento, comercio, consumo e ingresos que tiveron un efecto importante sobre a estrutura de clases e a composición da clase dominante.
Os empréstitos internacionais, tanto oficiais como comerciais, e os cambios estruturais que os acompañan, deron na eliminación das barreiras comerciais protectoras na agricultura e a fabricación. Como resultado produciuse unha entrada masiva de bens agrícola subvencionados dos Estados Unidos e da Unión Europea, que destruíron aos agricultores con granxas familiares de pequeno e mediano tamaño que producían alimentos básicos. A bancarrota dos produtores de alimentos acabou en desprazamentos masivos de granxeiros e traballadores agrícolas ás cidades e na concentración da terra nas mans de propietarios de plantacións comerciais agrícolas que se concentraron na produción de cultivos para a exportación.
As exixencias do FMI e do Banco Mundial incluían a reasignación dos créditos, empréstitos e asistencia técnica gobernamentais para os grandes exportadores agrícolas en bens únicos porque eles eran os que obtiñan as divisas fortes necesarias para devolver os créditos e enviar beneficios aos accionistas, executivos e propietarios das empresas multinacionais.
O FMI e o Banco Mundial aceptaron negociar o refinanciamento dos pagamento de xuros e capital pendentes dos estados debedores a condición de que privatizasen e desnacionalizaran todas as empresas estatais monopolio e lucrativas. A privatización e a desnacionalización resultaron en compras estranxeiras a gran escala de amplas parcelas de fértiles terras agrícolas e na produción e exportación de gran por parte dos oligarcas nacionais e investidores estranxeiros.
O conxunto destas políticas que eliminaron as barreiras ao libre comercio, promoveron a privatización e a desnacionalización, a ampla penetración dos sectores de mercado e produción e o aumento da énfase da intervención estatal en apoio da actividade económica de intercambio estranxeiro orientada á exportación, recibiu o nome de «neoliberalismo», un modelo que combinaba unhas políticas socioeconómicas dirixidas e reguladas polo estado co obxectivo de aumentar a función e o poder das elites estranxeiras e nacionais a favor da especialización dos mercados mundiais.
O ascenso desta nova configuración do poder durante os anos 80 e 90 ditou as decisións políticas e económicas chave en relación cos investimentos (as súas asignacións, sectores e subsectores), ademais dos mercados (internos e externos), produtos (alimentos, combustíbeis, produtos básicos) e prezos (cárteles oligopolísticos). O principio básico que guía as clases dirixentes nacionais e estranxeiras era a especialización en actividades complementarias na economía mundial (o que os economistas ortodoxos denominan «especialización baseada nas vantaxes comparativas»). A integración das clases dominantes estranxeiras e locais resultaba lucrativa e apoiábanse a unha na outra: o capital privado e os bens de consumo fluían polos seus circuítos financeiros e de bens de consumo internacionais.
As consecuencias a medio prazo e a gran escala desta nova configuración do poder para a agricultura e a produción de alimentos manifestáronse en apenas algo máis dunha década. Na segunda metade da primeira década do século XXI estourou unha crise agrícola sen precedentes: a influencia do sector de exportación agrícola da clase dominante e a posta en práctica das súas políticas en favor do «libre mercado» resultaron no final do control sobre os prezos e na súa ascensión meteórica. Os prezos reflectiron as relacións sociais de produción e distribución: a dominación dos terreos e os investimentos polos grandes agricultores capitalistas deu forma aos prezos da «subministración» e por xunto; os xigantes provedores comerciais mundiais («os supermercados») fixan os prezos para o consumidor directo. Produciuse «competencia» entre os produtores e os distribuidores oligopólicos para ver quen se podía facer cos prezos máis altos e os maiores beneficios.
Os exportadores agrícolas da clase dominante terminaron cos subsidios para os agricultores produtores de alimentos a nivel familiar e aumentaron os subsidios para a exportación para os produtores de produtos básicos esenciais. Os agricultores familiares víronse na bancarrota e as súas terras compráronas especuladores inmobiliarios (promotores autoproclamados) para usos comerciais, pistas de golf, complexos turísticos, comunidades de luxo con valos de separación e bens básicos para a exportación; os arrozais convertéronse en clubs de campo; os prezos do millo e o trigo dobráronse nos dez meses que ían desde setembro de 2007 e xullo de 2008. Os beneficios engrosaron a conta de resultados de Cargill (‘Financial Times’, 15 de abril de 2008, p 21): os beneficios trimestrais aumentaron nun 86 % até alcanzar os 1.030 millóns de dólares durante o terceiro trimestre que rematou o 29 de febreiro de 2008. Non foi só un caso, como dirían os ortodoxos, de aumento da «demanda», senón do feito de que centos de milleiros de millóns de diñeiro dos especuladores fluíron aos mercados de bens de consumo. En condicións de mercados estreitamente controlados polos grandes negocios agrícolas, as reservas de gran baixaron aos seus niveis mínimos en 35 anos en relación á demanda, principalmente porque os grandes agrocapitalistas quixeron limitar a subministración de alimentos e aumentar a produción de combustíbel, á vez que derivaban capital para a especulación en produtos básicos. Como resultado da influencia da norma dos xigantes agrocapitalistas e das súas políticas de investimento e uso da terra, os prezos medios dos alimentos aumentaron nun 45 % entre xullo de 2007 e abril de 2008 e prevese que suban un 15 % máis para xullo.
Atemorizados máis polas protestas masivas que derruban réximes clientes submisos que pola fame negra xeneralizada e o aumento da mortalidade dos pobres, os líderes capitalistas de todo o mundo reuníronse en Washington na primavera de 2008. Queixáronse dos disturbios polos alimentos, lamentaron a «perda do progreso dunha década (sic) en África» e mesmo realizaron chamamentos á «acción». Como era de esperar, prometéronse algúns centos de millóns de axuda alimentaria de urxencia, o cal destruirá os últimos bastións de agricultores a pequena escala que producen alimentos para os mercados locais. Os réximes neoliberais de toda Asia víronse obrigados polo temor a bloquear as exportacións de artigos alimentarios básicos para impedir que os disturbios alimentarios se convertesen en insurreccións masivas: os salarios van por atrás dos meteóricos prezos dos alimentos. Os réximes neoliberais de Indonesia, Exipto, a India, Vietnam, China e Camboia prohibiron as vendas de arroz estranxeiro (‘Financial Times’, 16 de abril de 2008, p. 1). Porén, estes acenos proteccionistas e esmolas de alimentos obtiveron escasos efectos positivos no seu país e aumentaron a escaseza para os importadores de alimentos. Os futuros de millo alcanzaron un valor marca de 6,16 USD por fanega entre xaneiro e marzo de 2008, un aumento do 30 % e a prohibición da exportación en Indonesia aumentou o prezo do arroz nun 63 % durante os tres primeiros meses do ano 2008.
Ningún dos líderes mundiais reunidos en Washington e «preocupados» pola fame, a regresión e, o principal, as revolucións, propuxo unha reforma agraria: a redistribución da terra aos campesiños e agricultores para a produción de alimentos. Ningún dos líderes propuxo sequera reformas tales como os controis de prezos e beneficios e a reconversión do uso da terra para a produción agrícola. Ningún destes líderes propuxo a ilegalización da especulación en futuros de bens básicos nas bolsas de todo o mundo. Non é de estrañar que o FMI «prediga» que os prezos dos alimentos continuarán aumentando até 2010.
Os prezos dos combustíbeis non baixaron malia o aumento en milleiros de veces da produción de etanol. Os prezos do etanol (e dos combustíbeis) e dos alimentos aumentaron a pesar da expansión da produción porque é a mesma configuración de monopolio do poder a que opera en ambos os sectores.
O aumento das diferenzas entre salarios e prezos é un empobrecemento por causas estruturais. As protestas masivas, tanto nos países imperialistas como no terceiro mundo, nacen de problemas básicos inmediatos, pero as súas raíces afunden nas estruturas profundas da economía capitalista.
Só os prestixiosos economistas ortodoxos sen cerebro empregados polos bancos centrais continúan laretando sobre «inflación subxacente» e «inflación patente», coma se os aumentos no prezo dos alimentos, os combustíbeis, a saúde e a educación non resultasen centrais para a vida cotiá de miles de millóns de vidas. O peor: continúan sen comprender que unha inflación galopante e uns salarios estancados son factores intrínsecos nas mesmas estruturas da economía e o estado capitalistas. O que é absolutamente claro é a bancarrota da teoría da especialización en produtos de exportación a expensas da seguridade alimentaria. O que era unha exixencia dunha minoría radical é agora prioridade máxima na axenda dun movemento de millares de millóns de persoas.
As persoas exixen un cambio radical das desastrosas teorías derivadas de Friedman que preconizan a dependencia duns mercados alimentarios mundiais monopolizados e unha volta ás políticas revolucionarias da autonomía alimentaria.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 30 de abril de 2008]