Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 5/5/2008
A EMPRESA RECIBE BONIFICACIÓNS DO MINISTERIO DE TRABALLO
A construtora Eshor escraviza traballadores inmigrantes
Eshor escraviza traballadores estranxeiros

De esquerda a dereita: Mimoun e Pablo (traballadores despedidos tras sufriren accidentes laborais en Eshor), López Pintos e o membro da CIG-Ferrol Óscar Pérez Vidal (05-05-2008).

A construtora Eshor, empresa con sede en Cabanas especializada en estruturas de formigón, escraviza os traballadores inmigrantes. A sociedade, que se beneficia de bonificacións que concede o Ministerio de Traballo para a contratación de operarios no estranxeiro, obriga estes obreiros a asinar baixas voluntarias e despide aqueles que sufriron accidentes laborais ou se atopan de baixa por enfermidade común.

O cadro de persoal da construtora conta con 400 operarios que prestan servizo por todo o Estado español. O 90% son traballadores inmigrantes procedentes de Ecuador, Alxeria, Marrocos, Perú, Colombia ou Romanía. Unha vez que rubrican o contrato, de carácter indefinido, Eshor os coacciona para que asinen a baixa voluntaria e renuncien a dereitos como a indemnización ou, no caso de que proceda, a prestación por desemprego.

A Inspección de Traballo, que é coñecedora da situación polas denuncias que interpuxo a CIG, inhíbese pese a que o número de “baixas voluntarias” de traballadores inmigrantes en Eshor é escandaloso. A CIG de Ferrol pregúntase como a Inspección de Traballo non encontra sospeitoso o feito de que decenas de obreiros estranxeiros soliciten a “baixa voluntaria” en Eshor, cando son persoas sen recursos, que non teñen onde vivir, e que por riba renuncian a un contrato indefinido e as indemnizacións correspondentes pola rescisión da súa relación laboral coa empresa.

“A situación dos traballadores é dramática. Varios deles mesmo tiveron que ir comer á cociña económica e tivemos que darlles cartos para que puidesen sobrevivir”, explica Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal da CIG-Ferrol.

A construtora, ademais, promételles a estes traballadores aloxamento mais cando chegan a Galiza descóntalles 120 euros do seu salario en concepto de vivenda, que teñen que compartir con 5 compañeiros máis e que son forzados a abandonala no momento de asinaren a “baixa voluntaria”.

Os empregados inmigrantes realizan xornadas diarias de entre once e doce horas, traballan de luns a sábado, as horas extraordinarias non lles son remuneradas e perciben menos cartos dos que figuran nas súas nóminas. Mentres, “UGT e CCOO (centrais maioritarias no comité) miran cara outro lado”, subliña López Pintos.

Accidente laboral = despedimento
Pablo, traballador ecuatoriano de Eshor, levaba 25 días na empresa até que foi  despedido logo de sufrir un accidente laboral no que perdeu un dedo dunha man. A empresa obrigouno a abandonar o piso onde residía e coaccionouno para que asinase un documento conforme renunciaba a todos os seus dereitos. Mimoun, operario marroquino, foi despedido tras fracturarse un brazo noutro sinistro no traballo. Ambos operarios, xunto con outro alxeriano, demandaron a empresa nos Xulgados alegando que foron ameazados e forzados pola construtora a asinar os escritos nos que rexeitaban beneficiarse dos dereitos laborais que lles asisten por Lei.

Empresa “modélica”
Toda esta realidade de explotación extrema e de escravismo contrasta coa que amosou a construtora nunha reportaxe emitida hai tempo por TVE. Nesta información, a empresa pretendía trasladar a imaxe dunha compañía “modélica” e sensíbel cos traballadores estranxeiros. “Aplícaselles (aos obreiros) o convenio colectivo de cada provincia e, no noso caso, tamén lles facilitamos aloxamento”, expresaba fachendoso na reportaxe Juan José Espiñeira, responsábel de Eshor.