Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 6/5/2008
ESTUDANTES DO BIERZO ESTRÉANSE NESTA CARREIRA POLO IDIOMA
5.000 rapaces e rapazas participan en A Coruña na primeira etapa do Correlingua 2008
Correlingua 2008 en A Coruña 3
5.000 rapaces e rapazas procedentes de corenta centros de ensino das comarcas de A Coruña, As Mariñas, Eume, Bergantiños e Costa da Morte participaron o 6 de maio na cidade herculina na xornada inaugural do Correlingua 2008. Por primeira vez, unha delegación de estudantes do Bierzo tomou parte na carreira, que este ano leva por lema “365 días: en galego cabe todo”.

Os alumnos bercianos que participaron no Correlingua proceden de institutos das localidades de Cacabelos, Vilafranca e Ponferrada. Correron con eles rapaces e rapazas chegados doutras comarcas do país, até alcanzar á cifra de 5.000 participantes en A Coruña.

A marcha partiu pouco despois das once da mañá da Torre de Hércules e proseguiu por diferentes rúas do barrio das Atochas-Monte Alto, pola Praza de María Pita e pola Rúa Real, até concluír nos Xardíns de Méndez Núñez.

O grupo gañador do concurso comarcal de música Correlingua 2008 foi Relúa, conformado por alumnos/as do IES Pastoriza de Arteixo. A lectura do manifesto deste ano realizárona os seus autores, estudantes do CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral, e os rapaces chegados desde O Bierzo. O galardón á mellor pancarta recaeu nos alumnos/as do CPI O Cruce de Cerceda.

O acto foi presentado por integrantes da compañía teatral Chévere e foi clausurado coa actuación da banda de Boiro Sinefrés, premiada no certame A polo ghit.

A CIG-Ensino, AS-PG, A Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Santiago, Vigo, Pontevedra e Lugo son as entidades organizadoras do Correlingua 2008.

CALENDARIO CORRELINGUA 2008

A Barbanza 07/05/2008 Ribeira

Ferrolterra 07/05/2008 Ferrol

A Mariña 08/05/2008 Foz

Salnés 08/05/2008 Vilagarcía

Lugo 09/05/2008 Lugo

Santiago de Compostela 12/05/2008 Santiago de Compostela

Pontevedra 13/05/2008 Pontevedra

Vigo 14/05/2008 Vigo

Baixo Miño 15/05/2008 Salceda de Caselas

Ribeira Sacra 15/05/2008 Monforte de Lemos

Monterrei 16/05/2008 Verín

Ourense 16/05/2008 Ourense