Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 7/5/2008
A asociación Dereito á Enerxía organiza un seminario en Santiago de Compostela, cos usuarios e usuarias, as centrais sindicais, as empresas do sector enerxético e os responsábeis da asociación Dereito á Enerxía, que terá lugar do 11 ao 15 de maio, e que deu a coñecer este mércores 7 de maio nunha rolda de prensa no Hotel Tryp San Lázaro de Compostela.
Esta asociación internacional, que foi fundada no ano 2000, é unha Organización Non Gobernamental Internacional, que ten a súa sede social en Francia. Ten o estatuto consultivo especial perante o Consello Económico e Social das Nacións Unidas. Os seus membros activos son representacións ou personalidades: 450 asociacións procedentes de 70 países, repartidos en catro continentes e representa a case 40 millóns de membros aderidos.
Neste mes de maio, (os dias 12, 13, 14 e 15) está previsto celebrar unha reunión do Buró da Asociación en Santiago de Compostela, onde se aproveitara ademais para presentar esta organización ante a opinión pública e aos medios de comunicación, así como se manterá unha xuntanza de traballo cos principais actores do mundo da enerxia.Cando a asociación se despraza desde París sempre aproveita para organizar unhas xornadas de traballo para coñecer cal é o modelo enerxético en cada país.
Nesta reunión interna do luns abordarase a actualidade enerxética e a crise dos países empobrecidos polo aumento dos prezos dos cereais, motivado polos hidrocarburantes. Ademais presentaranse dúas iniciativas: unha que baixo o nome de Europa falará da acción que vai desenvolver esta asociación na Europa territorial; e outra sobre a unión co Mediterráneo, que analizará a situación dos paises ribereños do Meditarráneo, incluindo o norte de África, Exipto, etc. Ademais trataranse aspectos internos para preparar o próximo Consello de Administración que elixira á nova dirección deste organismo no 2008.
Nesta rolda de prensa, Fermín Paz, como membro do Buró e do Consello de Administración da Asociación Dereito á Enerxía, tamén deu a coñecer os contidos do seminario que se vai celebrar o martes 13 de maio, á que convidou a asitir aos medios de comunicación polo seu interese xa que “os temas enerxéticos son e van ser un condicionante moi importante para a vida de moitas persoas por cuestións como a crise alimentaria, a suba do prezo do petróleo ou a cuestión dos combustíbeis en xeral” .
Desafios do presente e do futuro da enerxía
O obxectivo deste seminario será reflexionar sobre os desafíos do presente e do futuro no ámbito da enerxía e o desenvolvemento, neste período no que o aumento do prezo dos recursos fósiles dificulta cada vez máis as posibilidades de crecemento dos países do Sul.
Na primeira das mesas haberá representantes das empresas enerxéticas, un representante do Inega da Xunta de Galiza, e tamén un investigador da USC, que falará do posíbel aproveitamento da enerxía mareomotriz na Galiza.
Na segunda das mesas deste martes 13 abordaranse os aspectos sociais relacionados coa enerxía, e participarán as centrais sindicais, entre elas a CIG polo secretario nacional de Químicas, Abelardo Landeira, así como as asociacións de consumidores, e na que un dos temas principais será o movemento de usuarios e usuarias contra a cancelación da tarifa eléctrica nocturna.
A continuación anexamos o programa completo deste encontro en pdf.