Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 14/5/2008
Campaña comarcal
Éxito de asistencia nas xornadas de Ourense sobre o amianto
Xornadas Amianto Ourense I
Alfonso Tellado, Director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral; Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense; Gumersindo, Neumólogo do Instituto Nacional de Silicose; Cristobal Carneiro, Presidente de AGAVIDA; e Anxo Pérez, Gabinete Técnico de Saúde Laboral.
O Gabinete de Saúde Laboral da CIG, celebrou o martes 13 de maio en Ourense unha xornada técnica de sensibilización ante o risco para a saúde dos traballadores provocado polo amianto titulada Amianto: perigo! A continuación adxuntamos fotos e unha crónica do ali acontecido.

Na xornada, que foi un éxito de asistencia, tanto de representantes sindicais, como de técnicos de prevención, interviñeron: Etelvino Blanco Rodríguez (secretario comarcal da CIG-Ourense), Anxo Pérez Carballo (técnico do gabinete), Gumersindo Rego (xefe de pneumoloxía do Instituto Nacional de Silicose), Cristóval Carneiro (presidente da Asociación AGAVIDA, Asociación Galega de Vítimas de Amianto) e Alfonso Tellado (director do gabinete de saúde laboral da CIG).

Esta xornada técnica fai parte da campaña que se está a desenvolver en Ourense por parte da CIG para concienciar á clase traballadora e á sociedade en xeral dos riscos do amianto, un mineral presente en infinidade de obxectos de uso cotián, tales como o fibrocemento. Esta campaña está a ter unha grande repercusión, conseguíndose a estas altura a implicación das administracións afectadas –Delegacións Provinciais de Traballo e Sanidade, Concello de Ourense e Tenencia de Alcaldía de Ourense- e unha grande penetración social da problemática.

Máis actos no futuro

A campaña de sensibilización contra o risco do amianto terá continuidade con vindeiros actos que se irán anunciando, sen prexuízo de que a CIG, a través do seu Gabinete de Saúde Laboral, seguirá mantendo unha actitude vixiante en relación cos traballos e actividades nas que estea relacionado este perigoso mineral.