Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 15/5/2008
En decembro de 2007 tivo lugar en Bali (Indonesia) a XIII Conferencia de Nacións Unidas sobre Cambio Climático (UNFCCC).
Unha forma de considerar o quecemento global é velo como unha manifestación chave da última etapa dun proceso histórico: o da privatización dos bens comúns por parte do capital. A crise climática ten que ser vista, así pois, como a expropiación do espazo ecolóxico das sociedades menos desenvolvidas ou máis marxinadas por parte das sociedades capitalistas avanzadas.
O quecemento global é a privatización dos bens comúns polo capital, que actualmente supón a expropiación dos espazos ecolóxicos do Sur. Unha estratexia climática progresista debe reducir o crecemento e a utilización da enerxía, aumentando ao propio tempo a calidade de vida das grandes masas de poboación.
Actualmente hai un sólido consenso na comunidade científica de que se o cambio na temperatura media global no século XXI excede os 2,4 graos Celsius, os cambios no clima do planeta serán a gran escala, irreversíbeis e desastrosos.
Ademais, a marxe de actuación, o que marcaría a diferenza, é estreita: é dicir, os próximos 10 a 15 anos.
No Norte, con todo, hai unha forte resistencia a cambiar os sistemas de consumo e produción que orixinaron o problema, e unha preferencia polas «tecno-parches», como carbón «impo», captura e almacenamento do carbono, biocombustíbeis a escala industrial e enerxía nuclear.
Globalmente, as corporacións transnacionais e outros operadores privados resístense ás medidas impostas polos gobernos, como as cotas forzosas, e prefiren utilizar mecanismos de mercado como a compra e venda de «créditos de carbono» que, segundo os críticos, non son senón licenzas para que os contaminadores gran-empresariais poidan seguir contaminando.
No Sur, hai pouca disposición por parte das elites a arredarse do modelo de elevado crecemento e elevado consumo herdado do Norte, así como un interesado convencemento de que é o Norte o que debe empezar a facer axustes e cargar co peso dos mesmos, antes de que o Sur empece a tomar medidas serias en punto á limitación das súas emisións de gas con efecto invernadoiro.
Perfís do desafío
Nas discusións sobre o cambio climático, o principio de «responsabilidade común pero diferenciada» é recoñecido por todas as partes; o cal significa que o Norte global debe cargar co peso do axuste á crise climática, xa que é a súa traxectoria económica a que a provocou.
Tamén se recoñece que a resposta global non debe comprometer o dereito ao desenvolvemento dos países do Sur global.
O demo, porén, habita no detalle. Como sinalou Martin Khor, do ‘Third World Network’, a redución global, para 2050, do 80% do volume de gases de efecto invernadoiro que se emitían en 1990, unha redución que moitos consideran actualmente necesaria, debería traducirse en reducións de polo menos 150-200% no Norte global, se os dous principios -«responsabilidade común pero diferenciada » e recoñecemento do dereito ao desenvolvemento dos países do Sur- han ser respectados.
Pero están preparados para estes compromisos os gobernos e os pobos do Norte?
Psicolóxica e politicamente é dubidoso que polo de agora o Norte estea preparado para afrontar o problema.
O orzamento imperante é que as sociedades afluentes poden comprometerse a reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro e seguir crecendo aínda e gozando dos seus altos niveis de vida, se fan un cambio cara a fontes de enerxía de combustíbeis non fósiles.
Ademais, a forma de levar a cabo nun país as reducións obrigatorias acordadas multilateralmente polos gobernos debe basearse en mecanismos de mercado, é dicir, no intercambio de permisos de emisión.
Sobreenténdese: os tecno-parches e o mercado de emisións de carbono farán a transición relativamente indolora e -por que non?- tamén rendíbel.
Hai, con todo, unha evidencia crecente de que moitas destas tecnoloxías están a décadas de distancia dunha utilización viábel, e de que, a curto e medio prazo, confiando principalmente nun cambio de dependencia enerxética cara a alternativas de combustíbeis non fósiles, non resultan sostíbeis as actuais taxas de crecemento económico.
Tamén é cada vez máis evidente que a alternativa a dedicar máis terra á produción de biocombustíbeis significa menos terra destinada a cultivar alimentos e máis inseguridade alimentaria globalmente.
Resulta cada vez máis claro que o paradigma dominante de crecemento económico é un dos maiores atrancos para calquera esforzo serio para abordar o problema do cambio climático.
Pero o certo é que este paradigma desestabilizador e fundamentalista de crecemento-consumo é, en si mesmo, máis efecto que causa.
Está cada vez máis claro que o problema central é un modo de producir, que ten como principal dinámica a transformación da natureza viva en mercadorías mortas, o que causa enormes perdas durante o proceso.
O motor deste proceso é o consumo -ou mellor dito, o exceso de consumo-, e o motivo é o beneficio ou a acumulación de capital; nunha palabra, o capitalismo.
Foi a xeneralización deste tipo de produción no Norte e a súa expansión desde o Norte cara ao Sur durante os últimos 300 anos, o que causou a queima acelerada de combustíbeis fósiles como o carbón e o petróleo e unha rápida deforestación, dous dos procesos humanos claves que andan por tras do quecemento global.
O dilema do Sur
Unha forma de considerar o quecemento global é velo como unha manifestación chave da última etapa dun proceso histórico: o da privatización dos bens comúns por parte do capital. A crise climática ten que ser vista, así pois, como a expropiación do espazo ecolóxico das sociedades menos desenvolvidas ou máis marxinadas por parte das sociedades capitalistas avanzadas.
Iso lévanos ao dilema do Sur: antes de que chegase ao cumio a desestabilización ecolóxica inducida polo capitalismo, supúñase que o Sur seguiría simplemente os «estadios do crecemento» do Norte.
Un suposto actualmente imposíbel, a menos que se estea disposto a levar até o final un Armaguedón ecolóxico. China está xa a piques de alcanzar aos EEUU como maior emisor de gases con efecto invernadoiro e, con todo, as elites chinesas, así como as da India e outros países en rápido proceso de desenvolvemento, están intentando reproducir o modelo norteamericano de capitalismo alimentado polo sobreconsumo.
Polo tanto, para o Sur, as implicacións dunha resposta global efectiva ao quecemento global entraña non só a necesidade de incluír a algúns países meridionais no réxime de reducións obrigatorias de emisións de gases con efecto invernadoiro, por moi importante que sexa tamén iso: na rolda actual de negociacións climáticas, por exemplo, China non pode seguir decidida a manterse fóra dun réxime obrigatorio argüindo que é un país en desenvolvemento.
Nin pode ser tampouco, segundo parecían pensar moitos nas negociacións de Bali, que as oportunidades para a maioría dos demais países en desenvolvemento se limiten a que o Norte faga transferencias de tecnoloxía, a fin mitigar o quecemento global, e achegas de fondos para axudalos a adaptarse a este.
Desde logo que eses son pasos importantes, pero hai que velos como simples pasos iniciais para unha ulterior reorientación máis ampla e máis global do modelo económico capaz de fornecer benestar.
Aínda que o axuste deberá ser moito maior e máis rápido no Norte, para o Sur será esencialmente o mesmo: unha ruptura co modelo de elevado crecemento e elevado consumo, a favor doutro modelo para conseguir o benestar común.
En contraste coa estratexia das elites do Norte, consistente en separar o crecemento da utilización de enerxía, unha estratexia climática de amplos horizontes e progresista debe consistir, tanto no Norte como no Sur, nunha redución do crecemento e da utilización da enerxía que sexa simultánea á elevación da calidade de vida das grandes masas de poboación.
Entre outras cousas, iso significará situar a xustiza económica e a igualdade no centro do novo modelo económico.
A transición debe facerse -hai que o lembrar- partindo, non só dunha economía baseada nos combustíbeis fósiles, senón tamén dunha economía impulsada polo consumismo.
O obxectivo final debe ser a adopción dun modelo de desenvolvemento de baixo consumo, baixo crecemento e alto nivel de igualdade que teña como resultado unha mellora do benestar da poboación, unha mellor calidade de vida para todos e un maior control democrático da produción.
É ben improbábel que as elites do Norte e do Sur conveñan neste tipo de resposta de amplos horizontes. Cando moito, poden chegar aos tecno-parches e a un sistema de comercio de cotas de emisións fundado no mercado. O crecemento será sacrosanto, o mesmo que o sistema de capitalismo a escala planetaria.
Iso é que, enfrontada á Apocalipse/Apocalipse, a humanidade non pode autodestruírse.
Poida que sexa un camiño acugulado de dificultades, pero podemos estar seguros de que a inmensa maioría non consentirá un suicidio social e ecolóxico só para permitir que a minoría preserve os seus privilexios.
Sexa cal for a vía pola que se consiga, o resultado final da resposta da humanidade á urxencia climática e, máis en xeral, á crise ambiental, será unha rigorosa reorganización da produción, do consumo e da distribución.
Ameaza e oportunidade
O cambio climático é, así pois, ao mesmo tempo, unha ameaza e unha oportunidade para levar a cabo as longamente pospostas reformas sociais e económicas que foron inveteradamente desviadas ou saboteadas polas elites que buscaban preservar ou aumentar os seus privilexios.
A diferenza, hoxe, é que a simple existencia da humanidade e do planeta dependen de que se logre a institucionalización de sistemas económicos baseados na xustiza e na igualdade, non nas exaccións de renda de tipo feudal ou na acumulación de capital ou na explotación de clase.
A cuestión que se expón con frecuencia nestes últimos tempos é se a humanidade será capaz de actuar de consuno para responder con eficacia ao cambio climático. E aínda que nun mundo pletórico de continxencias non existen practicamente certezas, eu abeiro a esperanza de que si o será.
No sistema social e económico que se forxará colectivamente, vaticino que haberá sitio para o mercado.
Mais a cuestión máis interesante é esta: haberá sitio para o capitalismo? Sobrevivirá o capitalismo en tanto que sistema de produción, consumo e distribución, ao desafío de atopar unha solución efectiva ao cambio climático?
[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’http://www.sinpermiso.info/textos/index.php?id=1855, do 11 de maio de 2008]