Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 15/5/2008
Realizan mantemento de autoestradas na provincia de Pontevedra
Convocada folga na empresa Valoriza a partir do 20 de maio contra os despedimentos e a represión
Xaquín Agulla
Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG Construción Pontevedra, na rolda de prensa en Vigo
Este xoves 15 de maio tivo lugar unha rolda de prensa no local comarcal da CIG de Vigo para dar a coñecer a convocatoria de folga na empresa Valoriza Conservación de Infraestruturas a partir do próximo 20 de maio.

Esta folga terá continuidade o 21, 22, 27, 28 e 29 de maio, sendo de carácter indefinido a partires do 3 de xuño de 2008.

Esta convocatoria afecta á totalidade do persoal de Valoriza na provincia de Pontevedra, así como aos tres centros de traballo da mesma; é dicir, a máis de 60 traballadores.

Promóvese esta folga pola CIG polo despedimento de tres traballadores en pleno proceso asembleario de designación de candidatos, previo á convocatoria das eleccións sindicais.

Readmisión dos despedidos

O obxectivo da folga é a readmisión dos traballadores despedidos, así como a apertura dunha negociación tendente a regular e compensar a peculiaridade do servizo prestado polos traballadores: retén de garda, retén telefónico, cuadrante de horas extraordinarias, etc; que foi sempre motivo de conflitos e causa indirecta desta convocatoria.

Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG Construción en Pontevedra, subliñou que "desde a CIG imos ser belixerantes cos despedimentos e non imos deixar que perdamos dereitos".