Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 15/5/2008
Exixen a súa readmisión inmediata para recuperar os seus postos de traballo
Continúan as mobilizacións das traballadoras despedidas de Galicia Dixital
Galicia Dixital. Concentración en Padrón

As traballadoras de Galicia Dixital co apoio da CIG-Servizos, amenizaron a estancia do Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a golpe de tambor, durante o acto de celebración do Día das Letras Galegas 2008, que tivo lugar na mañá deste xoves día 15 de maio, na Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón.

A golpe de bombo. Así recibiron a Touriño, aos conselleiros e conselleiras e aos deputados e deputadas, as traballadoras de Galicia Dixital e os compañeiros de CIG-Servizos. Un recibimento que, polo sonoro, é imposíbel que pasara desapercibido por máis que o Presidente da Xunta non se quixera dar por aludido. De feito, por non querer non quixo sequera recoller o panfleto que lle tendían e que resume as razóns polas que estas traballadoras se estaban a mobilizar.

Por iso lembrámoslle que, con esta concentración, e coas que virán, as traballadoras demandan a súa inmediata readmisión en Galicia Dixital, dependente da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, integrada na consellaría de Presidencia.

E é que estas 11 traballadoras foron despedidas, sen previo aviso, o pasado 2 de maio tras oito anos desenvolvendo a mesma actividade para as sucesivas concesionarias (tres) encargadas da exposición, porque a nova concesionaria se negou a subrogar ao persoal.

Para xustificar os despedimentos tanto a empresa, Telecyl S.A, como a propia Xunta de Galiza argúen que, neste caso, o prego de condicións non exixe a subrogación. Porén, a CIG-Servizos entende que se trata dunha xustificación falsa xa que aínda que non figura de forma expresa, como ocorría nos pregos anteriores si se recolle, neste último, a obriga da adxudicataria a respectar as normas e convenios en vigor que houbera anteriormente. Unha desas normas en vigor, sería o dereito adquirido da subrogación, tal e como se fixo nas anteriores ocasións.

Así é que mentres a situación siga igual, continuarán acompañando ao Presidente Touriño, porque dalgunha maneira terán que facerse oír. Queira ou non queira escoitar o Presidente.