Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 15/5/2008
Tensión e dignidade das traballadoras da conserva
Comeza a folga na empresa de Pérez Lafuente
Folga das traballadoras de Pérez Lafuente 15 de maio I
Ás seis e media da mañá comezaban a chegar as piquetes á fábrica de Conservas Pérez Lafuente en Vilanova de Arousa. Alí permaneceron durante todo o día as perto de trinta mulleres que conseguiron parar a produción desta fábrica, na demanda de carga de traballo e por un plan de futuro para esta empresa.

As traballadoras de Pérez Lafuente continúan en pé de guerra polos seus dereitos como traballadoras nesta empresa, na que moitas delas mesmo levan desde os 12 anos, e na que neste case medio ano só traballaron unha media de 20 días.

Por iso, como unha nova medida de presión máis e diante da negativa de diálogo por parte da dirección da conserveira, comezaban o 15 de maio unha folga que terá continuidade 16, 21, 23, e 25 deste mes.

Momentos de tensión

Ao longo do día vivíronse momentos de tensión, xa que houbo unha presenza da guardía civil importante para salvagardar o "dereito ao traballo", mais aínda así non evitaron que se creara só con esta primeira xornada atrancos importantes na producción.

Durante toda a xornada estiveron concentradas na fábrica, para evitar calquera movemento, e continuarán o 16 de maio coa mesma forza "porque non imos permitir que nos rouben o noso presente".