Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 16/5/2008
A CONSTRUTORA FRETOU UN BUS E VARIAS FURGONETAS PARA TRASLADAR EMPREGADOS DESDE MADRID A FERROL
Eshor instrumentaliza traballadores para manifestárense contra a CIG
Eshor 1
Ferrol viviu un feito insólito na tarde do 15 de maio. A construtora Eshor organizou unha protesta fronte ao local da CIG na que mobilizou algo máis dun centenar de traballadores, na súa inmensa maioría inmigrantes. A empresa fretou un autobús e varias furgonetas para trasladar obreiros desde Madrid a Ferrol.

A protesta patronal estivo perfectamente organizada. Un autobús procedente de Madrid e varias furgonetas chegaron á avenida de Esteiro, nas proximidades do local da CIG, cinco minutos antes das 18:00, hora anunciada para o “desembarco”.

Os encargados dirixiron en todo momento a “mobilización”, dando instrucións e marcando as consignas que debían berrar os operarios. Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal da CIG ferrolá, foi o branco dos improperios, a quen acusaron de “mentireiro” por denunciar as prácticas escravistas da empresa. As pancartas exhibidas, perfectamente serigrafiadas nunha imprenta, recollían a lenda Sindicato CIG: Non nos defendas. Pintos mentiroso. Os traballadores ían enfundados en camisolas da construtora e non paraban de berrar enerxicamente ¡Viva la empresa! e ¡Viva Eshor!

Fernando Pena, encargado de Eshor vido desde Madrid, foi a persoa que levou a voz cantante na protesta. Megáfono da UGT en man, dirixiuse á prensa para atacar furibundamente López Pintos. Pena comezou falando en primeira persoa do plural: “Nós non explotamos os inmigrantes”, espetou asumindo o papel de empresario e, quizais, esquecendo a súa condición de asalariado. Acto seguido e tras varias preguntas incisivas dos xornalistas que sacaron a relucir os despedimentos de obreiros accidentados no traballo ou o elevadísimo número de “baixas voluntarias” na empresa, dixo: “Ai!, eu non sei o que fai a empresa”.

Fernando Pena chegou a afirmar con total descaro que o bus o pagaron os propios obreiros, aspecto que desmentiron traballadores presentes na protesta que, a micro pechado, recoñeceron que o acto e o transporte foron organizados e costeados polo “xefe”. Ademais, a empresa aproveitou que en Madrid o 15 de maio era a festividade de San Isidro para carretar os obreiros até Ferrol sen que perdesen un día de traballo.

A CIG de Ferrol non se retracta
López Pintos, que estivo arroupado durante todo o día por decenas de membros e traballadores da central, afiliados, delegados e obreiros, asegurou que a CIG comarcal mantén todas e cada unha das denuncias contra Eshor. Volveu acusar a construtora de empregar métodos mafiosos e de abusar da situación de precariedade dos inmigrantes, “que explotan e coaccionan”.

A CIG de Ferrol manexa datos que indican que só na comarca, nós últimos 17 meses, se rexistraron 580 “baixas voluntarias” de empregados de Eshor. Esta cifra revela, por si soa, a grande magnitude da situación de explotación laboral na construtora.

A Unión Comarcal do sindicato atendeu nos últimos meses máis de 40 empregados de Eshor inmigrantes que informaron dos abusos, fraudes e coaccións que comete a construtora. Xa hai tres demandas presentadas no Xulgado do Social e asesoría xurídica da CIG de Ferrol xa está preparando unha querela criminal contra os responsábeis de Eshor.

A construtora benefíciase de subvencións das administracións
A extrema gravidade das relacións laborais que se viven en Eshor parece ser ignorada polas diferentes administracións, que reportan suculentas subvencións a esta empresa escravista:

- Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza:

  • 311.000 euros en concepto de “Fomento da contratación da estabilidade”, outorgados no ano 2006.

- Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dependente da Consellaría de Economía e Facenda da Xunta de Galiza:

  • 26.967 euros para Proal Fene S.L. (filial de Eshor), adxudicados en 2006.

- Ministerio español de Industria, Turismo e Comercio:

  • 128.990 euros para Proal Fene S.L. como anticipo, en concepto de “Automatización do taller de produción”, adxudicados en abril de 2007.

  • 169.880 euros para Construtora Eshor S.L., para a “fabricación de cerramentos”, concedidos en abril de 2007.

O representante de Eshor, denunciado por ameazar un traballador con agredilo
Un traballador estranxeiro denunciou Juan José Espiñeira, representante de Eshor, nun xulgado madrileño por ameazalo con “rebentarlle a cara”, logo de que o empresario soubese que o obreiro puxera en coñecemento da Inspección de Traballo diversos incumprimentos do contrato.

O operario denunciante afirmou que fora contratado para traballar en Eshor para realizar 40 horas semanais mais ao final facía 11 horas e media ao día até completar 280 no cómputo mensual, cando legalmente tería que realizar 160. Ademais, o traballador non gozou de vacacións en todo un ano e explicou que tivo que compartir en Madrid un piso de 90 m2 con oito compañeiros máis.