Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 19/5/2008
En nome das traballadoras e dos traballadores afiliados á Federación de Químicas, Enerxía, Artes Gráficas e Minaría da Confederación Intersindical Galega (CIG), esiximos respecto aos dereitos humanos e a inmediata liberdade de Guadalupe Hilario, dirixente social e loitadora da Federación Departamental de Campesinos e Indígenas de Junín (FEDECIJ), que está acusada polas autoridades peruanas de supostos actos terroristas e está recluída no cárcere desde o pasado 29 de febreiro.
A detención, executada en Tombes, na fronteira co Ecuador, pretende xustificarse pola súa participación nun evento organizado e lexitimamente convocado pola Coordinadora Continental Bolivariana, feito que baixo ningunha circunstancia pode ser apreciado como acto de terror. Xunto á dirixente campesiña foron detidas ademais Melissa Patiño, Armita Valladares Jara, María Gabriel Segura, Carmen Azparrent Rivero, Roque Gonzáles La Rosa e Damaris Velasco Huiza.
A pesar de que transcorreron máis de dous meses desde a arbitraria detención, non existen elementos de proba que fundamenten a inxusta acusación, o que demostra a conduta despótica das autoridades públicas e de orde interna do Perú, que manteñen paralizado o curso legal do proceso para prolongar o encarceramento.
Estas accións, que tenden a criminalizar as protestas sociais, con aprobación gobernamental, utilizan a represión, o autoritarismo e o medo para frear os cambios profundos en América e pechar portas ás influencias progresistas que se expresan na rexión como alternativa ao neoliberalismo entreguista e proimperialista.
No caso do Perú, esta criminalización é xa un feito irrefutábel, que se constata coa detención de Guadalupe Hilario e as súas compañeiras; coa persecución desencadeada contra as casas do ALBA acusadas de recibir diñeiro venezolano para financiar as protestas populares; coa acusación inicua que pesa sobre Ollanta Humala por instigar ao delito de Rebelión; coa aprobación dos decretos lexislativos 982, 983, 988 e 989 que lexitiman a detención sen mandato xudicial e o uso por parte da policía das súas armas contra manifestacións públicas e coa violencia desatada no marco do paro agrario na que morreron tres campesiños peruanos por impactos de bala, entre outros feitos similares.
Reclamamos a posta en liberdade inmediata, así como, a depuración de responsabilidades contra as persoas que abusan da autoridade con detencións arbitrarias e ilegais, co propósito de perseguir as líderes de movementos sociais e sindicais, conculcando os máis elementais dereitos das cidadás e dos cidadáns do Perú.
A Coruña, Galiza, 17 de maio de 2008
Abelardo Landeira, secretario xeral adxunto da UIS-TEMQPIA-FSM e secretario nacional da Federación Químicas - Enerxía (organización afiliada á UIS-TE, FSM) da Confederación Intersindical Galega.