Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 5/1/2008
Déuselle o seu nome a unha praza en Grou
Homenaxe ao patriota Elixio Rodríguez
Homenaxe a Elixio Rodríguez 1
Ao principio do acto cantouse o Himno Galego, ao son da gaita, e despois un concelleiro do BNG do municipio dixo unhas palabras moi axeitadas relativas á figura de Elixio Rodríguez (finado no ano 2007).
Co gallo do nacemento do galeguista Elixio Rodríguez, o 4 de xaneiro de 1910, e fundador das Mocidades Galeguistas de Bande, rendéuselle homenaxe no seu pobo, Grou, no Concello de Lobios, na Baixa Limia. Unha parroquia que fica moi preto da Igrexa suevo-visigótica de Santa Comba e das ruínas romanas de Aquis Querquennis.

Á homenaxe, realizada a media mañá, asistiron pouco máis de medio cento de veciños e personalidades, en representación de organizacións políticas, sociais e culturais, así como algúns cargos institucionais. Unha cifra importante tendo en conta a hora e o afastado do lugar.

Ao principio do acto cantouse o Himno Galego, ao son da gaita, e despois un concelleiro do BNG do municipio dixo unhas palabras moi axeitadas relativas á figura de Elixio Rodríguez (finado no ano 2007). Non esquecendo a súa rexa actitude en defensa da nosa identidade e na loita contra a ditadura. Lembrou ademais que moitos mozos do lugar, como el, viron neste galeguista exiliado un exemplo que seguir.

A continuación inaugurouse unha praza co nome de Elixio Rodríguez, así como unha placa conmemorativa que foi descuberta pola súa compañeira Gloria. Unha vez rematada a inauguración a maioría dos presentes desprazáronse ao multiusos de Lobios onde se ía facer a presentación da edición do libro biográfico “Matádeo mañá”.